Estás en:Novas

Cultura da Deputación apoia os VI Premios Fouciño para continuar a dinamizar o audiovisual no rural e impulsar a creación en galego

O certame celebrarase do 22 ao 24 de outubro en Baio (Zas), cunha programación que inclúe a proxección das curtametraxes finalistas, unha mostra de animación, obradoiros e concertos

"Nun mundo onde o cinema cada vez está máis exposto ás novas maneiras de consumir ocio, festivais coma este son elementos importantes á hora de difundir cultura, talento e, sobre todo, de achegar á xente xove esta disciplina artística e cultural", sinalou o vicepresidente Xosé Regueira na presentación do programa, hoxe nas Torres do Allo

Cultura da Deputación apoia os VI Premios Fouciño para continuar a dinamizar o audiovisual no rural e impulsar a creación en galego

A Deputación da Coruña volve amosar o seu compromiso coa cultura de proximidade e a creación audiovisual no medio rural e renova o seu apoio á VI Edición dos Premios Fouciño de cinema, un certame de referencia na Costa da Morte que se celebrará do 22 ao 24 de outubro en Baio (Zas).

A colaboración da administración provincial co certame canalízase a través das liñas de concorrencia competitiva da área de Cultura, deseñadas para financiar e fortalecer proxectos culturais consolidados que promoven a dinamización territorial, a diversidade cultural e o uso da lingua galega fóra das grandes áreas urbanas.

Na presentación da programación, hoxe nas Torres do Allo, participou o vicepresidente, Xosé Regueira, a quen acompañaron o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e Lucas Espasandín e Alejandro Gándara, da organización do Premios.

Regueira destacou o papel fundamental que xogan iniciativas como os Premios Fouciño para "loitar contra o illamento cultural e demostrar que o medio rural coruñés é un escenario vivo, punteiro e vangardista para o desenvolvemento de propostas audiovisuais de calidade".

Segundo Regueira, "queremos manter esta colaboración cos Premios Fouciño, porque no falamos simplemente dun evento máis, senón dunha das citas coas que nos gusta colaborar, manter e axudar a que a que resistan nun mundo onde o cinema cada vez está máis exposto ás novas maneiras de consumir ocio". "Festivais coma este", engadiu, "son elementos importantes á hora de difundir cultura, talento e, sobre todo, de achegar á xente xove esta disciplina artística e cultural".

Un decenio promovendo o cinema de proximidade

Os Premios Fouciño naceron para conmemorar o aniversario d'O fouciño sanguento' –a primeira película feita na Costa da Morte– e, tras unha década de traxectoria, consolidáronse coma un punto de encontro clave para o sector.

O festival procura dinamizar a comarca e loitar contra o seu illamento cultural, achegando unha programación innovadora e vangardista a un concello rural coma o de Zas. Outro obxectivo fundamental é impulsar a creación desde a base e a posta en valor do cinema de proximidade.

A edición deste 2026 inclúe:

Ampliación de formatos. A categoría Xeral ampliou a súa duración máxima a 15 minutos, mentres que a categoría Escolar mantén o límite de 10 minutos.

Premios. 1000 € na categoría Xeral, 500 € na Escolar e 200 € para os premios do público; todos, acompañados do tradicional trofeo en forma de fouciño.

Foco na animación galega: Os días previos ao concurso (22 e 23 de outubro) contarán cunha programación especial centrada nas obras máis destacadas do cinema de animación galego recente.

Formación nos centros educativos: A organización vén promovendo obradoiros audiovisuais en centros da comarca, coma os realizados no IES Eduardo Pondal de Ponteceso e no IES Maximino Romero Lema de Baio, para incentivar o talento mozo e o "cinema de proximidade". Este ano os Premios Fouciño presentan un novo obradoiro de cine dirixido á mocidade, que terá como obxectivo a creación dunha curtametraxe documental sobre a historia de Baio a través dos seus comercios locais, entendidos como auténticos espazos de memoria. Desenvolverase en dúas sesións: os días martes 1 e mércores 2 de setembro, no CSC de Baio, de 10 a 14 horas e de 16.30 a 19.30.

O día grande do festival terá lugar o sábado 24 de outubro. Durante esta xornada proxectaranse as pezas finalistas, terán lugar as votacións do xurado e do público e celebrarase a entrega de premios. A festa do cinema pecharase cunha serie de concertos de artistas emerxentes na Praza Jorge Mira de Baio.

Co apoio a este festival, organizado coa implicación do Concello de Zas e o tecido asociativo local, a Deputación da Coruña reafirma a súa aposta decidida por unha cultura descentralizada, accesible e comprometida coa identidade lingüística e a creación artística local.