Estás en:Novas

A Deputación presenta o foro “Praza no Ágora”, que abordará no papel da mocidade na crise democrática

O encontro terá lugar o venres 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia de Santiago e está organizado pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Praza Pública

A Deputación presenta o foro “Praza no Ágora”, que abordará no papel da mocidade na crise democrática

As redes sociais, a polarización política e as novas formas de participación da mocidade serán algúns dos eixos do primeiro encontro de Praza na ágora, o novo programa de debates que bota a andar co foro O papel da mocidade na crise democrática, organizado pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Praza Pública. Terá lugar o 25 de setembro no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela.

Como se espallan os discursos de odio nas redes sociais? Está a medrar o pensamento de extrema dereita entre parte da mocidade? Que papel ten a xente nova no fortalecemento do sistema democrático? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo dunha xornada que reunirá voces procedentes da universidade, o asociacionismo, o emprendemento e a comunicación.

A deputada de dereitos civís, Sol Agra, sinalou que este foro "parte da percepción de que unha parte da mocidade vive con desencanto o momento histórico actual, unha realidade que diferentes estudos relacionan cun aumento da polarización e do apoio a opcións políticas extremas. O foro pretende analizar as causas deste fenómeno e, ao mesmo tempo, explorar as posibilidades de participación da xente nova na construción dunha democracia máis sólida e inclusiva". "O bo da democracia", engadiu, "era que se puidese argumentar e que puideran cambiar a túa opinión en función dos argumentos do outro, e agora parece que xa non se fai, o algoritmo nos leva a escoitar só os argumentos cos que estamos de acordo".

Tal e como sinalou, Praza na ágora reivindica, ademais, "a conversa presencial como espazo de reflexión colectiva nun contexto no que boa parte do debate público se desprazou das prazas ás pantallas". O formato combina conversas abertas, intercambio de ideas e participación do público, con intervencións de persoas de diferentes idades e ámbitos.

A programación estrutúrase arredor de tres coloquios, denominados beefs, en referencia á linguaxe empregada habitualmente pola mocidade para definir os enfrontamentos dialécticos. A mañá comezará cunha apertura institucional e continuará con A visión desde a academia, moderado por Llerena Perozo, traballadora cultural, escritora e membro do padroado da Fundación Praza Pública, no que participarán a antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez e a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez.

A continuación, Eu que pinto aquí?, moderado polo xornalista e director de Praza.gal David Lombao, abordará diferentes formas de compromiso xuvenil, desde a economía social e o emprendemento ata o activismo cidadán, coa participación do investigador Martín Salvado, Aida Estévez, integrante do Círculo de Xóvenes Emprendedores, e Ana Baneira, voluntaria en ONG.
Xa pola tarde, Todo pasa nas redes partirá da proxección do documental The Social Dilemma para abrir un coloquio moderado pola enxeñeira informática, profesora na UDC e fundadora de Imaxin Software Luz Castro. Miriam J. Lastra, Marta Veiga Izaguirre e Prado Rúa analizarán a influencia das plataformas dixitais na formación da opinión pública, a desinformación e os novos modelos de comunicación política e social.
A xornada completarase cunha apertura institucional e un peche musical a cargo do grupo muradán de punk rock Lisdexia.

PROGRAMA
25 de setembro | CSC Maruxa e Coralia (Praza do Salvador Parga, 4, Santiago) | Entrada libre

PROGRAMA MAÑÁ

  • 11:30 | Beef#0 · Apertura

Sol Agra, deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Carlos Amoedo, presidente da Fundación Praza Pública; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago.
Presentación das lías mestras con Llerena Perozo e Martín Salvado, co-coordenadores do foro.

  • 11:55 | Beef#1 · A visión desde a academia

Luzía Oca, antropóloga e activista; Serxio María Rodríguez, profesor de Ciencia Política e historiador; Xela Rodríguez, estudante de Xestión Cultural.
Modera: Llerena Perozo
Que nos poden contar as docentes universitarias nos campos da antropoloxía, a economía ou a socioloxía, tanto polo seu trato cotián co alumnado como polo ámbito en que investigan? Que di o estudantado ao respecto?

  • 12:45 | Pausa café
  • 13:00 | Beef#2 · Eu que pinto aquí?

Martín Salvado, economista e investigador en economía política; Aida Estévez, empresaria e membro do Círculo Xóvenes Emprendedores; Ana Baneira, voluntaria en ONG.
Modera: David Lombao, director de Praza.gal
Fala a mocidade interpelada. Coloquio entre un investigador en economía social de 25 anos, unha representante dunha asociación empresarial nova implicada en organizacións sociais.

  • 14:00 | Fin da sesión da mañá

PROGRAMA TARDE

  • 18:30 | Beef#3 · Todo pasa nas redes

Proxección do documental The Social Dilemma e coloquio con tres persoas especializadas en comunicación:
Míriam J. Lastra, socióloga, politóloga e influencer; Prado Rúa, creadora de contido; Marta Veiga Izaguirre, xornalista, profesora e experta en comunicación dixital.
Modera: Luz Castro, enxeñeira informática, profesora na UDC e fundadora de Imaxin Software.

  • 19:50 | Beef#4 · Que empece a festa

Achega musical de Lisdexia.