Estás en:Novas

A Deputación presenta a estrea absoluta de Sonora, obra gañadora do XVI Premio Internacional de Composición Musical Andrés Gaos

O concerto terá lugar este sábado 26 de setembro nos Estudos Mans e reunirá obras de compositores galegos e internacionais interpretadas por Arxis Ensemble

A obra do xove compositor Aitor Vázquez Torres está inspirada na poesía de Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024

A Deputación presenta a estrea absoluta de Sonora, obra gañadora do XVI Premio Internacional de Composición Musical Andrés Gaos

A Deputación da Coruña presenta este sábado, 26 de setembro ás 20.00 horas nos Estudos Mans, o concerto oficial do XVI Premio Internacional de Composición Musical Andrés Gaos, un galardón promovido pola institución provincial para recoñecer o talento e impulsar a creación musical contemporánea.

Nesta edición, o premio foi concedido ao xove compositor Aitor Vázquez Torres pola súa obra Sonora, inspirada na poesía de Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024. A peza será estreada de maneira absoluta durante o concerto, nunha cita que permitirá ao público escoitar por primeira vez a composición recoñecida nesta edición do Premio Andrés Gaos.

O programa inclúe tamén unha selección de obras do repertorio contemporáneo galego e internacional, coa interpretación de Arxis Ensemble. En concreto, poderanse escoitar Sombras de inverno III, de Jacobo Gaspar; Voice and Instruments II, de Morton Feldman; TypewritERyk, de Elena Rykova; Presto, de Beat Furrer; e, como peche do programa, Sonora, de Aitor Vázquez Torres, obra gañadora do XVI Premio Internacional de Composición Musical Andrés Gaos.

O Premio Internacional de Composición Musical Andrés Gaos, promovido pola Deputación da Coruña, ten como finalidade apoiar a creación contemporánea, dar visibilidade ao talento de novos compositores e compositoras e contribuír á difusión de novas obras dentro e fóra de Galicia.

A cita deste sábado nos Estudos Mans permitirá así combinar o recoñecemento a unha nova xeración de creadores coa presenza de referentes do repertorio contemporáneo galego e internacional, nun programa que reivindica a diversidade e a innovación da música actual.
As entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.