Estás en:Novas

Regueira reivindica o turismo MICE como motor de desestacionalización e xeración de valor para toda a provincia

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou na IV Noite de Embaixadores A Coruña MICE, onde entregou o Premio Embaixador A Coruña MICE ao xefe de neumoloxía do CHUAC, Pedro Marcos

Regueira destacou o papel da colaboración público-privada e apostou por estender os beneficios do turismo de congresos e reunións ao conxunto do territorio provincial

Regueira reivindica o turismo MICE como motor de desestacionalización e xeración de valor para toda a provincia

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou na IV Noite de Embaixadores A Coruña MICE, unha cita de ámbito nacional organizada por A Coruña Convention Bureau para recoñecer o traballo das persoas e entidades que contribúen á captación e promoción de congresos, reunións e eventos profesionais na cidade e na provincia. Durante o acto, Regueira foi o encargado de entregar o Premio Embaixador A Coruña MICE 2026 evento nacional a Pedro Marcos, xefe de neumoloxía do CHUAC, nunha noite na que tamén participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o presidente da Coruña Convention Bureau, José Blanco, xunto con representantes do sector turístico, empresarial e institucional.

"O turismo MICE non é unha moda, senón unha estratexia de desenvolvemento económico, desestacionalización e xeración de valor engadido", sinalou Regueira, que puxo en valor a evolución experimentada pola Coruña nos últimos anos e o papel de A Coruña Convention Bureau na profesionalización da captación de eventos e na promoción do destino nos mercados nacional e internacional. O vicepresidente afirmou tamén que a aposta polo turismo de congresos non debe limitarse á cidade da Coruña, senón que debe servir para poñer en valor o conxunto da provincia, conectando a actividade MICE coa oferta turística dos diferentes xeodestinos. Neste sentido, destacou o compromiso da Deputación co sector a través das súas liñas de apoio á mellora da calidade e competitividade turística, así como das axudas destinadas a entes de xestión, asociacións e entidades vinculadas á promoción turística e MICE.

Ademais, Regueira puxo tamén o foco nos elementos que singularizan a provincia da Coruña como destino MICE: as súas infraestruturas para acoller eventos, o ecosistema de coñecemento e innovación, a oferta hoteleira e, especialmente, a cultura, a gastronomía e a paisaxe. O vicepresidente provincial apostou ademais por un modelo de turismo MICE sostible, de calidade e compatible co benestar da poboación residente, baseado no crecemento ordenado, na desestacionalización e na distribución territorial da actividade.

Regueira sinalou a conectividade como un dos principais retos para seguir fortalecendo o posicionamento da Coruña como destino MICE, con especial atención ás conexións aéreas e ferroviarias. Neste ámbito, destacou a importancia de seguir mellorando as conexións da provincia e de facilitar a chegada de profesionais aos eventos, ao tempo que apostou por avanzar na internacionalización do destino, diversificar mercados e continuar profesionalizando a cadea de valor vinculada ao turismo de congresos.

"A Coruña e a súa provincia contan cunha identidade propia, unha oferta singular e unha capacidade demostrada de acoller eventos de alto nivel", sinalou, polo que defendeu seguir traballando de maneira coordinada para consolidar o territorio como destino MICE de referencia no noroeste peninsular.Regueira reiterou o compromiso da Deputación de seguir colaborando coa A Coruña Convention Bureau, a Axencia de Turismo de Galicia, o Concello da Coruña e o sector privado para impulsar un modelo de turismo MICE xerador de actividade económica, emprego e retorno para o conxunto da provincia.