A Deputación colabora cunha nova edición do Festigual, que encherá A Coruña de diversidade do 4 ao 19 de novembro
A deputada Sol Agra participou esta mañá na décima edición do Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade, onde sinalou que a cita "vai moito máis alá do estritamente artístico" e que materializa "o dereito universal á cultura, a visibilización da diferenza como riqueza e a construción de espazos públicos 100% accesibles"
O Festigual-Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade celebrará este ano a súa décima edición cunha programación que, do 4 ao 19 de novembro, espallará a cultura inclusiva por 29 espazos da Coruña co apoio da Deputación da Coruña. A deputada provincial Sol Agra participou esta mañá na presentación do festival, xunto a Nereida Canosa, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social; M.ª Arantzazu Escalada Sarabia, directora de Sostenibilidad, Relaciones Institucionales y Reale Foundation España; Ricardo Castro Santa Cruz, director de RSE e Calidade de Vegalsa-Eroski e Belén Rey, directora de Relacións Institucionais da Fundación María José Jove e responsable do programa Cultura Accesible e Inclusiva e Festigual na FMJJ.
Agra destacou durante a presentación que o Festigual "vai moito máis alá do estritamente artístico" e que materializa "o dereito universal á cultura, a visibilización da diferenza como riqueza e a construción de espazos públicos 100% accesibles". A deputada salientou tamén a conexión do festival coas áreas da súa responsabilidade: "O Festigual usa o galego como ferramenta de inclusión e normalización, aposta pola igualdade de xénero e de oportunidades e estende os dereitos culturais aos barrios, aos centros cívicos e tamén a espazos como o cárcere de Curtis-Teixeiro".
Neste sentido, sinalou que "a Deputación da Coruña apoia decididamente este modelo porque cre nunha cultura que non deixe a ninguén atrás". "Festigual é o festival de todas e de todos. Un festival para romper barreiras físicas, sociais e mentais a través da arte", concluíu.
Unha programación por 29 espazos da cidade
A décima edición amplía notablemente a presenza do Festigual na Coruña, con actividades no Teatro Rosalía de Castro, Teatro Colón, Fórum Metropolitano, Palacio da Ópera, Centro Ágora, Universidade da Coruña, Hospital Marítimo de Oza, Centro Penitenciario de Teixeiro, Fundación María José Jove, Mercado de Monte Alto, La Barra, centros cívicos e bibliotecas municipais, entre outros.
A programación reunirá música, teatro, danza, humor, cinema e artes visuais, xunto con actividades participativas, experiencias inmersivas, propostas formativas e espazos de encontro e reflexión. Entre os temas abordados estarán a saúde mental e o benestar emocional, a soidade das persoas maiores, a discapacidade e o acceso á arte.
A programación completa pode consultarse na páxina web do Festigual.
