A radio do histórico Centro Betanzos, decano da diáspora galega en Arxentina, dá o salto dixital co apoio da Deputación da Coruña
Radio Enxebre, a emisora do Centro Betanzos, converterase nunha moderna plataforma de streaming e pódcast para difundir a cultura galega e conectar as novas xeracións da diáspora coa súa terra de orixe
Máis de 10.000 quilómetros separan A Coruña de Bos Aires, pero as novas tecnoloxías permiten facer cada vez máis pequena esa distancia. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe con Beatriz Lagoa, presidenta do Centro Betanzos de Bos Aires, o centro decano da emigración galega en Arxentina e un dos máis antigos do mundo, fundado en 1905, un convenio para dar un salto tecnolóxico a Radio Enxebre e convertela nunha nova xanela de comunicación permanente entre Galicia e a diáspora galega en Arxentina.
A Deputación inviste 12.623,38 euros para axudar a transformar a emisora do histórico Centro Betanzos nun estudio multimedia profesional, preparado para producir radio, pódcast, vídeo e emisións en streaming con alcance internacional.
"Durante décadas, a radio permitiu que milleiros de galegos e galegas que vivían a miles de quilómetros mantivesen un fío coa súa terra. Agora queremos aproveitar as novas tecnoloxías para que esa conexión sexa máis directa, máis visual e, sobre todo, chegue tamén ás novas xeracións", destacou Formoso durante a sinatura.
O proxecto contempla unha renovación integral dos medios técnicos de Radio Enxebre, coa instalación dun sistema audiovisual profesional completo, con cámaras 4K, novos equipos informáticos, iluminación e son de estudio, sistemas de gravación dixital e nova infraestrutura técnica.
O salto ao streaming permitirá retransmitir en directo eventos culturais entre Galicia e Bos Aires, realizar entrevistas e producir contidos audiovisuais de calidade que poderán difundirse a ambos lados do Atlántico.
Pero o proxecto mira tamén ao pasado para preservalo. Un dos seus obxectivos será crear un arquivo audiovisual dixital da memoria galega en Arxentina, recollendo historias e testemuños que permitan conservar o legado da emigración e transmitilo aos seus fillos e fillas, netas e bisnetas.
"É un proxecto moi bonito, co que queremos que a memoria da emigración, as súas voces, historias e experiencias poidan conservarse en audio e vídeo e transmitirse ás próximas xeracións", sinalou Formoso.
Unha institución con 121 anos de historia
O convenio foi asinado cunha das entidades históricas da emigración galega en Arxentina e no mundo. O Centro Betanzos de Bos Aires foi fundado en 1905 e leva 121 anos mantendo a conexión coa súa terra de orixe a través da cultura, das tradicións e da memoria.
Celebracións como San Roque ou Os Caneiros atravesaron o Atlántico da man das sucesivas xeracións da colectividade betanceira, mentres Radio Enxebre se consolidou como unha das ferramentas para manter ese vínculo, cunha programación que conta con música galega, información de Galicia, actualidade da colectividade, entrevistas e contidos sobre a historia da emigración.
Encontro cos centros da diáspora coruñesa
Durante a súa visita ao Centro Betanzos, Valentín González Formoso asistiu tamén á representación da obra de teatro Las dos en punto, inspirada na vida real das irmás Maruxa e Coralia Fandiño, coñecidas popularmente como As Marías, dúas figuras emblemáticas da memoria social de Santiago de Compostela que contan cun monumento na Alameda da cidade.
Ao acto asistiron representantes da maioría dos centros da diáspora vinculados á provincia da Coruña en Bos Aires e a súa contorna: Betanzos, Corcubión, Outes, Arzúa e Melide, Ordes, O Porto do Son, Oleiros e Fisterra, entre otros.
Ao remate da representación, Formoso mantivo un encontro cos presidentes destas entidades, cos que conversou sobre a situación actual dos centros, a súa actividade e os retos que afrontan para manter vivo o vínculo con Galicia e incorporar ás novas xeracións de descendentes da emigración.
O presidente provincial agradeceu o labor que desenvolven estas entidades para conservar e difundir a cultura, as tradicións e a memoria da emigración galega en Arxentina e destacou o seu papel como ponte permanente entre a provincia da Coruña e unha das comunidades galegas máis importantes do exterior.
