A final do Premio Narf da Deputación terá lugar o vindeiro 24 de outubro nunha gala especial polo décimo aniversario do pasamento de Fran Pérez
A gala terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Commpostela o vindeiro 24 de outubro ás 20 horas e a entrada é libre
As bandas finalistas son Raposa, Sofía Espiñeira e Abril, e como banda convidada actuarán Os Quinindiolas, que regresan para homenaxear o seu membro Fran Pérez no seu décimo cabodano
A gala do Premio Narf deste ano terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 24 de outubro ás 20 horas e lembrará de xeito especial o artista que lle dá nome, dado que este ano se cumpren dez anos do seu pasamento.
A gala, que será con entrada libre por orde de chegada, acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas (Raposa, Sofía Espiñeira e Abril) e o xurado (formado polos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo, os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez) decidirá a gañadora, que levará 4.000 euros, a segundo clasificada 2.000 e a terceira, 1.500.
Banda convidada
Durante a súa deliberación, as persoas asistentes poderán disfrutar da actuación dos Quinindiolas, a histórica banda de rock da que formou parte Fran Pérez, que se reúne de novo para homenaxealo no seu décimo cabodano. Eles son Xelís de Toro, Pepe Sendón e Marcos Teira, que recuperarán os temas máis emblemáticos dun grupo que estivo en activo de 1988 a 1992, pero que deixou unha fonda pegada na música galega coa súa aposta pola vangarda.
A final será presentada polo xornalista Luís Pardo e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.
Bandas finalistas
As bandas que resultaron finalistas entre as máis de 30 candidaturas que se presentaron ao XVIII Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais son:
- RAPOSA: A banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa "proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica".
- SOFÍA ESPIÑEIRA: Artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, Xeografías, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é "unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados".
- ABRIL: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como "dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada".
