Estás en:Novas

A Deputación prevé investir en Noia preto de 2 millóns de euros en 2026 a través do Plan Único

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, visitou Noia xunto coa deputada provincial Sol Agra e o alcalde, Francisco Pérez, para coñecer de primeira man as actuacións financiadas con cargo ao programa provincial

A Deputación prevé investir en Noia preto de 2 millóns de euros en 2026 a través do Plan Único

O Concello de Noia recibiu a visita da deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, que se desprazou ao municipio acompañada da deputada provincial Sol Agra e do alcalde, Francisco Pérez, así como de varios integrantes da corporación municipal, para abordar as actuacións desenvolvidas no marco do Plan Único da Deputación da Coruña.

Durante a visita, García Rey destacou o apoio económico que a Deputación presta ao Concello de Noia a través deste programa, que permite aos municipios dispoñer de recursos para impulsar investimentos e atender as súas necesidades de gasto, cunha maior capacidade de planificación e autonomía na xestión. De acordo coas previsións actuais, Noia contará en 2026 con preto de 2 millóns de euros procedentes do Plan Único, concretamente 1.990.368,38 euros, unha cifra que inclúe as distintas achegas previstas para o exercicio.

A deputada provincial puxo tamén en valor a evolución do financiamento destinado a Noia desde a posta en marcha do Plan Único "unha ferramenta fundamental para os concellos da provincia, ao proporcionarlles estabilidade financeira e permitirlles definir as actuacións prioritarias en función das necesidades de cada territorio".. Desde 2017, o municipio acumula 10.306.169,27 euros, unha vez incorporadas as novas achegas previstas.

Neste sentido, García Rey destacou que o modelo de cooperación da Deputación "contribúe a facilitar a mellora das infraestruturas e dos servizos municipais, ao tempo que reforza a capacidade dos gobernos locais para decidir sobre o destino dos recursos". A deputada incidiu, ademais, no compromiso da institución provincial cun sistema de financiamento baseado en criterios obxectivos e igualitarios para o conxunto dos municipios.