A Deputación da Coruña convoca os concellos da provincia a unha xornada participativa no marco do proxecto Concello Dixital
O Pazo de Mariñán acollerá o vindeiro 8 de outubro un encontro formativo e de traballo que reunirá máis de 50 profesionais do sector público da provincia
O proxecto Concello Dixital, a iniciativa de administración electrónica e transformación dixital impulsada pola Deputación da Coruña para apoiar as entidades locais da provincia, desenvolve o vindeiro xoves 8 de outubro unha nova edición da súa xornada técnica no Pazo de Mariñán.
Baixo o título "Encontro de representantes de administración electrónica, Concello Dixital", a xornada concíbese como un espazo de traballo e posta en común entre os distintos e-responsables implicados no proceso de transformación dixital da administración local.
O encontro contará coa asistencia e participación de representantes institucionais e persoal técnico da Deputación Provincial da Coruña.
Nesta edición, a xornada centrarase en poñer en valor o papel do persoal das entidades locais da provincia que participan no proxecto e en traballar e mellorar competencias e aspectos como a xestión do cambio, a intelixencia emocional, a comunicación, a creatividade, o liderado ou a resolución de problemas, ferramentas clave para fortalecer a comunicación, e a cohesión dos equipos humanos nas administracións locais da provincia. O programa incluirá dinámicas de grupos, xogos de rol prácticos e un espazo de intercambio de experiencias entre as persoas e-responsables asistentes.
A iniciativa reafirma o compromiso da Deputación da Coruña coa modernización tecnolóxica e organizativa dos concellos, promovendo accións que contribúan a mellorar a eficiencia dos servizos públicos e o clima laboral no eido público local.
