A Deputación convoca a primeira edición do Premio de Pódcast "Transmitindo na Lingua Galega" con 20.000 euros en galardóns
A iniciativa busca incentivar a calidade, a diversidade temática e a innovación das producións sonoras en galego a través de catro categorías recoñecidas con 5.000 euros cada unha
O prazo para participar está aberto ata as 14:00 horas do 18 de decembro de 2026. Toda a tramitación e a presentación de candidaturas deberá realizarse de xeito exclusivamente telemático a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña
Máis dun século despois dos primeiros pasos da radio en Galicia, impulsados desde a provincia da Coruña a través da emblemática emisora EAJ-4 Unión Radio Galicia de Santiago de Compostela, a Deputación impulsa a primeira edición do Premio de Pódcast "Transmitindo na Lingua Galega". A convocatoria está dotada con 20.000 euros en total divididos en catro categorías diferentes nun certame está aberto a autores e autoras de pódcasts realizados en lingua galega.
Categorías
Os galardóns distribúense en catro modalidades distintas, dotada cada unha delas con 5.000 euros: a categoría de ficción e adaptación sonora "O teatro do aire" destínase a obras orixinais ou adaptadas que fagan un uso creativo de voces, efectos, música e ambientes. A modalidade de contido conversacional "A palabra fiada" diríxese a formatos baseados en entrevistas, debates ou diálogos entre dúas ou máis persoas sobre calquera temática. Pola súa parte, a categoría divulgativa "A pescuda sonora" premiará traballos orientados á investigación creativa duns feitos, persoa ou asunto social. Por último, a liña "A voz da nosa lingua" recoñecerá os espazos sonoros dedicados ao estudo, promoción e fomento do uso do galego.
A deputada de Lingua, Sol Agra, salientou que este premio nace co obxectivo de "consolidar a presenza do idioma nos novos espazos dixitais e de comunicación". Agra destacou a importancia de incentivar o talento e a creación sonora actual para garantir que "a lingua galega teña unha presenza forte e atractiva entre os novos públicos e nos sectores clave para o futuro do idioma".
O prazo de inscrición está aberto dende o sábado 3 de outubro e permanecerá activo ata as 14:00 horas do día 18 de decembro de 2026. Toda a tramitación e a presentación de candidaturas deberá realizarse de xeito exclusivamente telemático a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña.
