Estás en:Novas

A Deputación financia con 52.000 euros unha oficina móbil para as probas da Federación Galega de Automobilismo

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da organización deportiva, Antonio Rodríguez Troitiño, asinaron hoxe un convenio polo que a entidade provincial asume o 66% do importe
O vehículo, un autobús adaptado para labores de dirección de carreira e control de tempos, implica un salto en canto aos medios técnicos cos que contan as competicións e aforraralles custos ás entidades que as organizan

A Deputación financia con 52.000 euros unha oficina móbil para as probas da Federación Galega de Automobilismo

A Deputación da Coruña financiará cun máximo de 52.000 € a adquisición dun autobús por parte da Federación Galega de Automobilismo para adaptalo como oficina móbil. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, asinaron esta mañá un convenio polo que a institución provincial achegará o 66% do importe total, estimado en 78.650 euros.
Ambos salientaron que a nova oficina móbil implica un salto en canto aos medios técnicos dispoñibles para a organización de competicións, ademais de contribuír a un aforro de custos ás entidades que organizan cada unha das probas.
O vehículo, unha vez que sexa acondicionado, servirá para albergar a dirección de carreira e contará cun espazo con mesa de ordenadores para control de tempos e outro para reunións de comisarios deportivos, tamén equipado con ordenador. Disporá de servizos coma conexión 5G a Internet, climatización e xerador para soporte do sistema eléctrico.
A oficina móbil empregarase no desenvolvemento das diferentes probas e actividades organizadas pola federación na provincia da Coruña. Ao longo da tempada pasada desenvolvéronse sete de autocross, cinco de slalom, unha de karting e tres rallys: o da Coruña, o Berberecho de Noia e o de Ferrol. Só estes últimos superaron amplamente, cada un, a cifra de cen equipos inscritos, e sumaron arredor de 2.500 persoas na organización. En canto a persoas espectadoras, congregaron arredor de 100.000. O impacto económico directo do conxunto desas probas estímase en máis de 2,3 millóns de euros, sumando aloxamentos, restauración, loxística, servizos e gasto do público.

Educación viaria

A sinatura do convenio serviu tamén para reafirmar o compromiso da Deputación e da federación coa educación viaria. Dentro do seu programa educativo, esta última organizará visitas a centros escolares da provincia nos que, ademais, se introducirá ao alumnado na disciplina do automobilismo e impartirase formación sobre hábitos saudables, valores deportivos e igualdade no deporte. Estes encontros, que nos últimos anos chegaron a máis de 1.600 alumnos e alumnas, contarán coa presenza de deportistas e membros da federación.