Estás en:Novas

Valentín González Formoso apela ao legado de Mujica en Oleiros: “A política debe servir para mellorar a vida das persoas”

O presidente da Deputación participou na inauguración do paseo dedicado ao expresidente uruguaio e destacou a recuperación da ría do Burgo como unha transformación que permite gañar espazos públicos para a cidadanía

Formoso reivindicou tamén os lazos de Galicia con Uruguai e Arxentina, construídos por xeracións de emigrantes

Valentín González Formoso apela ao legado de Mujica en Oleiros: “A política debe servir para mellorar a vida das persoas”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe nun acto no paseo Pepe Mujica, en Oleiros, cunha reivindicación da política como ferramenta para mellorar a vida das persoas. Nun espazo recuperado para o desfrute da cidadanía, Formoso evocou a humildade, a coherencia e a vocación de servizo do expresidente uruguaio: "Por enriba dos intereses partidistas ou das ambicións políticas, o importante é buscar o ben común".

O acto, realizado no parque do Paraíso, en Perillo, contou coa participación do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; do embaixador de Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo; e da senadora uruguaia Blanca Rodríguez González, ademais da compañeira de Mujica, Lucía Topolansky, que interveu por videoconferencia.

Formoso relacionou o legado de Mujica co sentido da actuación inaugurada: recuperar a contorna da ría para que as persoas maiores teñan un lugar agradable onde camiñar, as familias poidan pasar unha tarde ao aire libre e os nenos e nenas aprendan a andar na bicicleta. "Tamén para iso serve a política. Para facer posibles esas pequenas cousas que fan mellor a vida de toda a xente", afirmou.

O presidente provincial lembrou unha frase de Mujica que, ao seu xuízo, resume a esencia do servizo público: "La política es la lucha por la felicidad de todos". Vinculouna co artigo 13 da Constitución de Cádiz de 1812, que establecía que "O obxecto do Goberno é a felicidade da Nación". "Dous séculos de distancia e unha mesma idea: que a política debe servir para mellorar a vida das persoas", sinalou.

Fronte á confrontación e ao ruído que marcan o debate público, Formoso destacou o exemplo dun home que coñeceu a pobreza, a persecución e o cárcere e que chegou á presidencia de Uruguai sen perder "a humildade, a coherencia nin a capacidade de falar coa xente de igual a igual".

Na súa intervención, Formoso destacou a transformación da zona: "ás veces utilizamos a palabra transformación con demasiada facilidade, pero hoxe estamos diante dunha transformación de verdade. Desas que cambian a paisaxe, recuperan espazos públicos e melloran a vida da xente", afirmou en referencia ao paseo de máis de 11 quilómetros que conecta A Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros. "Catro concellos unidos por un gran paseo para camiñar, facer deporte ou simplemente gozar da ría", destacou.

Os fíos da emigración galega

A homenaxe a Mujica serviu tamén para reivindicar os vínculos que unen Galicia con Uruguai e Arxentina. Formoso lembrou as xeracións de emigrantes galegas e galegos que cruzaron o Atlántico buscando un futuro mellor e contribuíron ao progreso dos países de acollida sen esqueceren as súas raíces.

"Por moito que hoxe algúns se empeñen en rachalos, hai fíos invisibles da historia; fíos feitos de familias, memoria e afectos, que seguen e seguirán unindo a Galicia coas dúas beiras do Río da Prata", expresou.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, gabou tamén a traxectoria humana e política de Pepe Mujica, destacando a súa loita revolucionaria, os 14 de anos de prisión e tortura que sufriu e a súa capacidade posterior de perdón. "O nome de Pepe Mujica é o mellor nome posible acorde a este magnífico espazo público"; afirmou.

García Seoane destacou tamén os "lazos de irmandade" que unen a Galicia con Uruguai, marcados pola emigración galega e por figuras de ascendencia local que alcanzaron gran relevancia na historia uruguaia, como Claudio Wiliiam, fillo dun emigrante de Maianca, que chegou a ser presidente do país entre 1907 e 1911, ou Fernando Lugrís, un dos principais diplomáticos do país.

O acto incluíu a proxección dunha intervención de Lucía Topolansky e dun vídeo con testemuños de Pepe Mujica, así como a interpretación do tema "Don José" polo cantautor Walter César. A descuberta dunha placa conmemorativa ao son do himno de Uruguai e a interpretación do himno galego pola Banda de Música de Oleiros pecharon a homenaxe.