A área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña impulsa un programa de conexión coa natureza en catro espazos singulares da provincia
"Déixate abrazar polo bosque" ofrece paseos guiados por espazos naturais singulares da provincia
As Fragas do Eume, a fraga de Cecebre e o encoro de Abegondo, a área de Brandelos en Touro e o monte de Lobadiz serán os escenarios desta actividade
A primeira actividade será o 25 de outubro nas Fragas do Eume e o prazo de inscrición remata hoxe
A área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña pon en marcha "Déixate abrazar polo bosque", un programa gratuíto que convida a gozar da natureza a través de paseos guiados por catro espazos da provincia. A iniciativa, aberta a todas as persoas interesadas, propón unha experiencia de benestar baseada na calma, na observación e na conexión coa contorna natural.
As sesións combinarán camiñadas pausadas con paradas, momentos de silencio, respiración consciente e dinámicas sensoriais. A proposta busca ofrecer un tempo para baixar o ritmo, escoitar os sons do bosque e descubrir a contorna a través dos sentidos.
As actividades estarán desenvolveranse de 10:30 a 13:00 horas. Cada saída contará con 15 prazas, cunha oferta total de 60 prazas no conxunto do programa.
A primeira cita terá lugar o domingo 25 de outubro no parque natural das Fragas do Eume, nunha contorna de bosque atlántico de ribeira. O prazo de inscrición está aberto ata hoxe, 19 de outubro.
O programa continuará o 8 de novembro na fraga de Cecebre e no encoro de Abegondo, nun espazo marcado pola presenza da auga e os camiños sombreados. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 23 de outubro e o 2 de novembro.
A terceira sesión desenvolverase o 22 de novembro na área recreativa de Brandelos, no concello de Touro, entre carballos e á beira do río. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 6 ao 16 de novembro.
A última saída será o 13 de decembro no monte de Lobadiz, en Ferrolterra, onde a experiencia se desenvolverá nunha contorna de bosque costeiro con vistas ao mar. As inscricións poderán realizarse entre o 23 de novembro e o 3 de decembro.
A participación é gratuíta e require inscrición previa a través do formulario dispoñible no apartado de Medio Ambiente da páxina web da Deputación da Coruña.
