Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Boiro invisten máis de 252.000 euros en obras de recuperación do lagar, a vivenda e as cabalarizas do Pazo de Goiáns

Valentín González Formoso e José Ramón Romero asinaron o convenio que permitirá frear o deterioro destas construcións
O presidente provincial e ao alcalde supervisaron as obras da última fase de mellora da estrada DP-1105 de Noia a Boiro

A Deputación e o Concello de Boiro invisten máis de 252.000 euros en obras de recuperación  do lagar, a vivenda e as cabalarizas do Pazo de Goiáns

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Boiro, onde asinou co alcalde, José Ramón Romero, un convenio para financiar a conservación do lagar de sidra, a vivenda e as cabalarizas situadas no conxunto patrimonial do Pazo de Goiáns. O acordo, formalizado no propio pazo, permitirá actuar sobre unhas edificacións que presentan un importante deterioro e precisan obras de consolidación para garantir a súa preservación.

A actuación conta cun investimento de 252.332,38 euros, dos que a Deputación achegará 201.865,90 euros, o 80 %, e o Concello de Boiro os 50.466,48 euros restantes. As obras darán continuidade ao proceso de recuperación deste conxunto histórico, tras as intervencións realizadas no edificio principal e na capela.

Formoso destacou a importancia de colaborar co Concello para seguir recuperando un espazo estreitamente vinculado á historia de Boiro. "O Pazo de Goiáns forma parte da historia e da identidade de Boiro. Con este convenio axudamos a conservar unhas construcións que corrían o risco de seguir deteriorándose e damos un novo paso na recuperación do conxunto para a veciñanza", sinalou.

Neste sentido, remarcou que "falamos de historia, falamos de patrimonio, falamos de edificios que a xente quere ver rehabilitados, sobre todo cando é para o goce público", e valorou que se trata de "252.000 euros moi ben investidos" que lle darán "unha faciana moi distinta ao pazo".

Pola súa banda, o alcalde, José Ramón Romero, lembrou que "xa o ano pasado, coa axuda da Deputación, tamén rehabilitamos a capela deste pazo" e sinalou que se trata dunha obra "necesaria" para "conservar estes inmobles que están moi degradados, que non teñen teitume".

As obras permitirán reconstruír as cubertas derrubadas, respectando a súa configuración e os materiais tradicionais, sanear e consolidar os muros de pedra, acondicionar os solos e recuperar ou instalar portas e ventás para protexer os interiores. Tamén se executará un sistema de recollida de augas pluviais.

A intervención busca frear o deterioro dos inmobles e deixalos protexidos para a súa futura recuperación funcional. Os usos definitivos concretaranse en proxectos posteriores, mantendo a coherencia coas actuacións xa realizadas no pazo e na capela.

Última fase de mellora da estrada entre Noia e Boiro

Durante a visita, o presidente da Deputación e o alcalde de Boiro supervisaron tamén as obras da DP-1105, que se atopan xa moi avanzadas. Esta última fase, cun investimento de 262.000 euros, permitirá completar a mellora dos 15,6 quilómetros da estrada que conecta Noia, Lousame e Boiro, tras as dúas fases anteriores, nas que a Deputación investiu 1,5 millóns de euros.

Os traballos céntranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 14+031 e 15+603, no municipio de Boiro. Inclúen a renovación do firme cunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor, así como melloras na drenaxe, limpeza de marxes e cunetas e renovación da sinalización.

O proxecto contempla ademais a recolocación dun paso de peóns á altura do punto quilométrico 15+107, coa execución de dous tramos de beirarrúa e dun pequeno muro de contención para mellorar as condicións de seguridade.

As actuacións permitirán culminar a renovación dunha estrada importante para os desprazamentos diarios da veciñanza e para as comunicacións entre os tres municipios.