A Deputación presenta os murais da III edición de «Arte no Camiño» en Mazaricos, Oroso, Mesía, Abegondo e Ordes
Os artistas Twee Muizen, Sokram, Agustina Shuan, Sekone e María Martelo foron as persoas encargadas de plasmar as súas creacións este ano, completando catorce murais no Camiño Inglés e no Camiño Fisterra-Muxía
O deputado provincial Antonio Leira presentou en Mazaricos, Oroso, Mesía, Abegondo e Ordes os cinco murais que forman a terceira edición de «Arte no Camiño». A Deputación da Coruña impulsa este proxecto coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía e dos concellos implicados
A iniciativa integra a arte urbana nas rutas xacobeas que discorren pola provincia, reforza a identidade local e enriquece a experiencia de peregrinos e peregrinas, visitantes e veciñanza. Entre 2024 e 2026 pintáronse catorce murais en Miño, Paderne, Culleredo, Carral, Abegondo, Mesía, Ordes e Oroso, no Camiño Inglés; e en Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra, no Camiño Fisterra-Muxía.
Antonio Leira destacou que "esta terceira edición pecha un percorrido de catorce murais que xa forma parte da paisaxe do Camiño". Neste sentido, agradeceu o traballo dos artistas participantes, que concibiron murais "ademais de fermosos, cun fondo significado para as persoas camiñantes e que terán, seguro, impacto para a veciñanza". Así mesmo, o deputado reiterou o compromiso da Deputación no apoio a proxectos que "fortalezan o carácter cultural das rutas xacobeas e dean visibilidade ao talento artístico que temos e que debemos impulsar e potenciar".
Nas presentacións dos respectivos murais participaron o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, e o tenente de alcalde, Jorge Villar; o alcalde de Oroso, Álex Doval; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez; a concelleira de Mesía, Pilar Sánchez; o concelleiro de Urbanismo de Abegondo, Alberto Seoane, e a técnica de cultura deste mesmo concello, Alejandra Ulloa. Tamén asistiron a presidenta e a secretaria da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, María Luisa Rodríguez e Noelia Baleato; o xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Pablo Beade, e representantes da asociación de veciños de Buscás.
Murais da edición 2026
En Mazaricos, Twee Muizen réndelle homenaxe ao paso do Camiño polo municipio, á súa paisaxe e á súa xente. A obra mestura a natureza galega con detalles da experiencia da persoa peregrina, como as botas, as mans e os paus de camiñante, e con referencias á gastronomía e ás tradicións populares. En Oroso, Sokram propón «Viaxe interior», unha senda que se adentra nun monte denso como metáfora do camiño persoal na procura do autocoñecemento. É unha reflexión sobre a soidade e o recollemento que formula máis preguntas ca respostas.
Agustina Shuan lembra en Mesía que Bruma foi durante moito tempo o único hospital da zona e o punto de confluencia do Camiño Inglés. O seu mural homenaxea os coidados e a unha vila que foi fogar de acollida para as e os camiñantes, coa figura do médico, o viaxeiro que retoma a marcha despois da cura e o sol e a lúa como paso do tempo. En Beche (Abegondo), Sekone pinta os outros peregrinos, quen percorre o Camiño de noite. Un xabaril, un moucho e un lobo cruzan un fondo escuro de tons vermellos, ocres e violetas.
En Buscás (Ordes), María Martelo parte das fotografías antigas que lle cedeu a veciñanza e das imaxes da parroquia recollidas por Gustav Henningsen en Galicia máxica: reportaxe dun mundo desaparecido. O mural levará unha desas lembranzas á parede para tender unha ponte entre pasado e presente.
