A II Copa Deputación de Baile Deportivo enche o Pazo dos Deportes de Riazor
O Pazo dos Deportes encheuse para seguir un gran evento no que participaron 325 bailarinas e bailaríns e que é puntuable para o ránking nacional
Música, emoción e moito talento sobre a pista. O Pazo dos Deportes de Riazor encheuse de público durante toda a xornada deste sábado para gozar desde primeira hora da mañá ata a noite da segunda edición da Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo, o maior evento de danza que se celebra na provincia. Un total de 325 deportistas participaron nunha xornada na que a competición e o espectáculo foron da man, con actuacións que combinaron precisión, coordinación, expresión artística e unha grande esixencia física.
Familias enteiras, compañeiros de clubs e escolas e afeccionados ao baile animaron aos participantes desde as bancadas ao longo de toda a xornada. Os aplausos marcaron o ritmo dunha xornada que permitiu descubrir de preto o atractivo desta disciplina e o intenso traballo que hai detrás de cada coreografía. Foron tamén moitos os curisosos que se achegaron por para gozar por primeira vez dunha competición de baile deportivo de primeiro nivel, puntuable para o ránking nacional desta disciplina deportiva.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, e o concelleiro de Deportes da Coruña, Antonio Vázquez, participaron na entrega de premios. Na modalidade de Latinos, os gañadores foron Eva Shmarko de Amigos das Danças-Oporto (Solo Junior), Noemí Cendán de Un Paso Adelante- Narón (Solo Youth) Raul Romero e Serena Díaz de Arte y Movimiento de Cee (Juvenil), Manuel Ruiz e Beatriz Veiga de Al Compás (Senior) e Andres Parga e Laura Marcote, de Arte y Movimiento (Adulto).
En Danza Coreográfica os principais premios recaeron en Bracara Team, de Braga-Portugal (Copa Xuvenil, Junior e Youth) e Un Paso Delante de Narón (Senior).
Formoso felicitou os gañadores e estendeu o recoñecemento a todos os participantes, aos seus adestradores e ás familias. "Hoxe gozamos dun gran espectáculo en Riazor. Parabéns aos gañadores e a todas as persoas que fixestes posible esta xornada", afirmou.
O presidente provincial anunciou que o vindeiro ano, A Coruña aspira a acoller o campionato de España de Baile Deportivo para crear un evento "aínda maior".Destacou tamén a importancia de apoiar modalidades deportivas con menor presenza mediática. "Desde a Deputación queremos que disciplinas como o baile deportivo teñan oportunidades para medrar, darse a coñecer e chegar a novos públicos. Merecen visibilidade e apoio polo enorme talento e esforzo que hai detrás de cada actuación. Ver hoxe este pavillón cheo de público é a mellor mostra do interese que espertan", sinalou.
A Copa reuniu deportistas de diferentes puntos de Galicia, de comunidades como Madrid e Valencia e tamén de Portugal, entre eles campións do mundo de danza coreográfica e parellas de primeiro nivel nacional. O programa incluíu probas individuais, por parellas e en grupos, con participantes de distintas idades e categorías, baixo a normativa da Federación Española de Baile Deportivo e con carácter puntuable para o ránking nacional.
Organizada coa colaboración da academia Un Paso Adelante de Narón, esta segunda edición da Copa Deputación de Baile Deportivo superou as cifras de participación do ano pasado e converteu Riazor nun punto de encontro para clubs e escolas de danza.
