Estás en:Novas

Regueira clausura na Laracha a xornada formativa da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

A iniciativa, que conta co apoio da Deputación, celebrouse no Pazo Montesclaros, en Vilaño, e reuniu profesionais e especialistas para abordar o manexo dos viveiros, a xestión dos soutos e a rega de precisión.

O vicepresidente reivindicou a produción de alimentos de calidade como unha das principais fortalezas do rural galego e apostou por devolverlle á castaña o valor económico, gastronómico e paisaxístico que merece.

Regueira clausura na Laracha a xornada formativa da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

O Pazo Montesclaros, en Vilaño (A Laracha), acolleu hoxe a xornada formativa organizada pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, un encontro destinado a compartir coñecementos e mellorar as prácticas de cultivo e xestión dos soutos que conta co apoio da Deputación da Coruña. A deputada do Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, foi a encargada de abrir o acto, que posteriormente clausurou o vicepresidente, Xosé Regueira.

A xornada permitiu abordar cuestións relacionadas coa produción en viveiro, a xestión dos soutos e a rega de precisión, así como promover o intercambio de experiencias entre profesionais e especialistas do sector. O programa incluíu tamén actividades arredor das posibilidades gastronómicas da castaña.

Durante a súa intervención, Regueira destacou a importancia de manter unha economía rural forte, capaz de xerar oportunidades laborais, fixar poboación e contribuír á conservación do patrimonio natural. «É fundamental que sigamos mantendo economía no medio rural, que sigamos podendo vivir dun medio rural tan rico e que produce tamén coma o noso, e que iso nos dea oportunidades á hora de defender o noso propio patrimonio natural. Un rural que economicamente funciona é un rural que se coida e é un rural que non arde, que entre todos protexemos», afirmou.

O vicepresidente vinculou esta aposta polo territorio coa estratexia turística da Deputación, sintetizada no lema "A paisaxe que sabe", que conecta a riqueza natural da provincia cos saberes tradicionais e coa calidade dos produtos agroalimentarios. «Hai que agradecer que haxa xente que milita na resistencia. Hai maneiras e maneiras de facer turismo, e unha maneira de facer turismo nun país coma o noso é intentar coidar o territorio e a paisaxe», sinalou. Neste sentido, incidiu en que a excelencia da gastronomía galega depende da capacidade de manter unha produción propia de alimentos de primeira calidade e de recoñecer o traballo de quen os produce. «Non habería unha gastronomía nin habería chefs que agora mesmo teñen estrela Michelin ou Sol Repsol se non fósemos capaces de seguir producindo alimentos de primeira calidade coma os que producimos. Polo tanto, para nós a resistencia é fundamental».

Regueira referiuse especificamente á castaña e á necesidade de recuperar o seu protagonismo na alimentación e na economía galegas. «A castaña está na nosa dieta dende moito antes que a pataca. É curioso como nos custa aínda traballala e darlle valor engadido», afirmou. Así mesmo, expresou a vontade de que a Deputación contribúa a impulsar a súa promoción gastronómica e a súa presenza en espazos de referencia do sector. Ademais, o vicepresidente apelou á recuperación dos soutos como parte esencial da paisaxe galega e á necesidade de que a actividade castañeira deixe de ser unha excepción para converterse nunha parte normalizada da economía produtiva do país. «Oxalá volvan os soutos ser, máis pronto que tarde, os elementos máis vistosos da nosa paisaxe, e non os eucaliptos. Que se lle dea o valor que ten e que a xente que estades neste ámbito non sexades só a resistencia, que sexades o normal, porque iso é o normal da nosa terra: producir con sentido común e producir alimentos de altísima calidade», concluíu.