Estás en:Novas

Raposa, banda gañadora da gala final do Premio Narf

Raposa resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar esta noite no Salón Teatro de Santiago e cuxos contidos lembraron en todo momento a figura de Fran Pérez no seu décimo cabodano
A votación do xurado puxo en segundo lugar a Sofía Espiñeira e en terceiro a Abril

Raposa, banda gañadora da gala final do Premio Narf

Raposa é a banda gañadora do XVIII Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O ditame do xurado enxalzou ao grupo Raposa nunha gala final na que Sofía Espiñeira rematou segunda e Abril terceira. A edición deste ano xirou arredor da figura de Fran Pérez no seu décimo cabodano, coa actuación d'Os Quinindiolas, que regresaron 30 anos despois para homenaxear o seu compañeiro nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo e no que tamén participou o artista visual Xavier Belho.

RAPOSA: A banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa "proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica".

A gala acolleu as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado polos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo, os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez) decidiu o gañador, que leva 4.000 euros, alén de varias actuacións en festivais galegos; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes puideron desfrutar da actuación de Os Quinindiolas, que regresaron aos palcos 30 anos despois con Xelís de Toro, Marcos Teira, Pepe Sendón e Mon Orencio, como incorporación para este concerto. Esta banda de rock en galego, da que formou parte Fran Pérez, estivo activa entre 1988 e 1992 e estiveron na vangarda da música naquel momento.

O xurado destacou da banda gañadora a súa excelencia instrumental, unha dinámica sorprendente, unha voz exquisita e chea de emoción e a profundidade das súas letras, nun espectáculo de extraordinaria beleza que conseguiu conmover e transmitir unha intensa emoción ao público.

A gala comezou forte emocionalmente falando cunha escenografía presidida pola guitarra e outros obxectos artísticos de Narf e co tema "Mercedes" do propio autor interpretado por Marcos Teira abrindo o espectáculo. Os efectos visuais -responsabilidade do artista Xavier Belho- remitiron a diferentes momentos da vida artística de Fran Pérez.

As bandas que resultaron finalistas entre os máis de 30 candidatos que se presentaron ao XVIII Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais son:
SOFÍA ESPIÑEIRA: Artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, 'Xeografías', un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é "unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados".
ABRIL: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como "dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada".