A III Carreira e andaina Camiños da Vía Verde presenta a súa terceira edición co obxectivo de chegar aos 1.000 participantes
A proba, organizada pola Deputación da Coruña, celebrarase o sábado 21 de novembro e as inscricións, totalmente gratuítas, están abertas ata o mércores 18 de novembro
A Estación de Ordes-A Pontraga, na parroquia da Parada, punto de saída da carreira de 10 km, acolleu hoxe a presentación da III Carreira e andaina Camiños da Vía Verde. A proba, organizada pola Deputación da Coruña, terá lugar o sábado 21 de novembro en horario de mañá e percorrerá a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.
No acto estiveron presentes Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña; José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; E. Antonio Pereiro Liñares, alcalde de Tordoia; Catrina Queijo, tenente de alcalde do Concello de Cerceda; e Jesús Fernández, concelleiro de Obras, Servizos e Limpeza do Concello de Oroso. Tamén asistiron Susana García, concelleira delegada de Política Social, Igualdade, Diversidade, Educación e Traballo do Concello de Ordes; Cristina López, técnica de Deportes do Concello de Ordes; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; e o triatleta Iván Raña, embaixador desta edición.
Durante a presentación, os intervenientes puxeron en valor este camiño e a gran comodidade que ofrece, tanto para as persoas corredoras das distintas probas como para as camiñantes que se
animen a facer a andaina.
Unha cita consolidada no calendario galego
Na súa terceira edición, a Carreira e andaina Camiños da Vía Verde consolídase como unha proba de referencia no calendario de carreiras de Galicia. A organización agarda superar este ano os
1.000 participantes entre todas as modalidades.
O programa inclúe unha carreira de 10 km, con saída na Estación de Ordes-A Pontraga e meta na antiga estación de Oroso-Vilacide, e unha andaina de 5 km que sairá dende a estación de
Garga-Trasmonte, tamén no Concello de Oroso. Ademais, haberá diversas probas para escolares, adaptadas ás distintas idades, que se celebrarán na contorna da estación de Oroso-Vilacide.
Inscricións gratuítas ata o 18 de novembro
A participación é totalmente gratuíta. As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 18 de novembro ás 23:59 horas.