Estás en:Novas

A Deputación recibe aos integrantes do ICB Coruña que conquistaron o Mundial de balonmán en cadeira de rodas

O deputado de Deportes, Antonio Leira, felicitou o equipo polo título acadado en Granollers e recoñeceu o labor do club coruñés para achegar o deporte adaptado a máis persoas.

A Deputación recibe aos integrantes do ICB Coruña que conquistaron o Mundial de balonmán en cadeira de rodas

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, recibiu hoxe a varios dos integrantes do ICB Coruña que en setembro se proclamaron campións do mundo de balonmán en cadeira de rodas coa selección española. Lorenzo Envo Edjang Nsa, Agustín Alejos Alonso, Juan López Porta, Lorena Bermúdez Doce e José Manuel Barroso formaron parte do combinado que conquistou en Granollers o primeiro título mundial de España nesta modalidade.

Durante a recepción, Leira trasladoulles os parabéns da institución provincial e destacou a traxectoria dun club que, en apenas tres anos, pasou de ser unha iniciativa persoal dun deportista a contar con cinco integrantes nunha selección campioa do mundo. O deputado recoñeceu tamén o traballo que desenvolve a entidade na Coruña para que máis persoas con discapacidade poidan iniciarse no balonmán en cadeira de rodas.

O ICB Coruña naceu en 2023 por iniciativa de Lorenzo Envo Edjang co obxectivo de promover a igualdade e a inclusión en Galicia a través do deporte adaptado. Xunto coa participación na competición oficial, o club organiza na Coruña campañas para incorporar persoas con discapacidade á práctica deportiva e actividades de sensibilización para dar a coñecer o balonmán en cadeira de rodas.