A Deputación presenta Viaxa!, unha feira que conecta a empresas turísticas galegas con preto de 30 turoperadores internacionais
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na presentación, xunto ao presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e ao Director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles
A iniciativa terá lugar do 232 ao 26 de novembro e combinará unha experiencia de familiarización con dúas xornadas de encontros profesionais na Coruña e Santiago de Compostela
A Deputación da Coruña presentou esta mañá, xunto ao Clúster Turismo de Galicia, Viaxa!, unha feira profesional que facilitará o contacto directo entre empresas galegas do sector e preto de 30 turoperadores internacionais. A iniciativa, que se celebra grazas á colaboración da entidade provincial, desenvolverase do 23 ao 26 de novembro e combinará unha experiencia de familiarización con dúas xornadas de encontros profesionais na Coruña e Santiago de Compostela.
Viaxa! busca impulsar a internacionalización do destino, abrir novas vías de comercialización e favorecer a programación de viaxes fóra da tempada alta. Máis de cen empresas inscribíronse neste encontro, dirixido a axencias de viaxes receptivas, hoteis e outros aloxamentos turísticos, así como a empresas que ofrecen experiencias e servizos complementarios. Os participantes terán a oportunidade de presentar os seus produtos a preto dunha trintena de operadores procedentes de mercados como Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suíza, Polonia e India.
Regueira destacou a importancia de abrir o sector turístico galego a novos mercados e reforzar a súa presenza internacional. “A internacionalización é unha oportunidade para as nosas empresas e tamén unha ferramenta fundamental para avanzar cara a un modelo turístico máis diversificado, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano e xerar actividade económica no conxunto do territorio”.
O vicepresidente sinalou que Galicia e a provincia da Coruña contan cunha oferta turística ampla e diversa, que combina patrimonio, natureza, gastronomía, cultura e experiencias singulares, pero que precisa tamén de canles de comercialización que permitan situala nos mercados internacionais. “Non abonda con ter produtos turísticos de calidade: temos que conseguir que se coñezan, que cheguen aos catálogos dos operadores internacionais e que formen parte das propostas que estes ofrecen aos seus clientes”. Neste sentido, valorou especialmente que Viaxa! facilite o encontro directo entre as empresas galegas e os profesionais que comercializan viaxes nos mercados emisores. “Poñer en contacto directo as nosas empresas con case 30 turoperadores internacionais abre portas, crea oportunidades de negocio e permite coñecer mellor as demandas de cada mercado. É unha maneira práctica de apoiar o tecido empresarial turístico e de acompañalo no seu proceso de internacionalización”.
Programa
O programa divídese en dúas xornadas con diferentes temáticas. O primeiro encontro será o 25 de novembro na Coruña e centrarase nas experiencias singulares e no turismo premium. Haberá un espazo expositivo no que se visibilizarán os xeodestinos e os atractivos da provincia, ademais de reunións comerciais directas entre empresas e compradores. Ao día seguinte, en Santiago de Compostela, o protagonista da xornada será o Camiño de Santiago, cun formato de networking conversacional que permitirá aos operadores e ás empresas intercambiar información sobre as rutas, as necesidades dos peregrinos e os servizos que se poden sumar a cada itinerario.
En paralelo, do 23 ao 26 de novembro, os operadores internacionais participarán nunha viaxe de familiarización con paradas na Coruña, no museo MEGA de Estrella Galicia, no Xeoparque Cabo Ortegal e en Santiago de Compostela. O percorrido permitiralles coñecer sobre o terreo propostas de natureza, gastronomía e patrimonio e valorar como incorporalas aos seus catálogos en distintas épocas do ano.