Estás en:Novas

A escritora sevillana Xenia García gaña por unanimidade a XXXVIII edición do Premio Torrente Ballester en lingua castelá coa obra ‘Perder la cuenta’

O xurado destacou a poderosa voz narrativa e o compromiso da novela, que aborda en dous tempos a precariedade económica feminina e o pasado represivo do Patronato de Protección a la Mujer, mentres que a modalidade en lingua galega quedou deserta.

A escritora sevillana Xenia García gaña por unanimidade a XXXVIII edición do Premio Torrente Ballester en lingua castelá coa obra ‘Perder la cuenta’

A escritora Xenia María García Domínguez (Sevilla, 1975) alzouse como gañadora da trixésimo oitava edición do Premio Internacional "Torrente Ballester" de narrativa en lingua castelá, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Perder la cuenta, presentada baixo o pseudónimo ‘Arón Kiré’. A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado na reunión celebrada onte, 16 de novembro, na sede da Fundación Torrente Ballester, nunha edición na que a modalidade en lingua galega foi declarada deserta.

O ditame do tribunal salienta que Perder la cuenta é unha historia “narrada en dous tempos que afonda na represión e na precariedade económica feminina a través dunha voz narrativa moi poderosa e un estilo moi coidado, con diálogos ben construídos e imaxes orixinais que retratan con fluidez as complexidades das relacións”. Así mesmo, o xurado puxo en valor o peso da protagonista, quen “sostén toda a novela desde unha posición profundamente comprometida coa realidade actual das mulleres e cos feitos dun pasado marcado pola acción represiva do Patronato de Protección a la Mujer”.

A obra gañadora impúxose entre un total de 490 orixinais presentados ao certame en castelán, dos que dez pasaron á fase final tras o labor da comisión de preselección. A sesión de deliberación estivo presidida pola deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Natividad González, coa asistencia da xefa do Servizo de Cultura, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria, e da asesora técnica Susana Pedreira. O xurado desta modalidade estivo composto por Xosé Monteagudo Folgar, María de las Mercedes Corbillón Fernández, Raquel Piñeiro Portela, Estela Gómez Gómez e o gañador da edición anterior, Pablo Escudero Abenza. Pola súa banda, o xurado encargado de avaliar as obras da categoría en lingua galega, que finalmente quedou deserta, estivo integrado por Carolina Sertal, Cecilia Fernández Santomé, Lorena Gómez, Samuel L. Paris e o gañador da pasada edición, Estro Montaña.

Xenia García

Licenciada en Xornalismo e Máster en Escritura Creativa pola Universidade de Salamanca, Xenia García compaxina o seu labor de comunicación institucional na Junta de Andalucía coa escrita literaria e a colaboración como columnista en eldiario.es. Tras completar a súa formación en espazos como o Laboratorio de Creación Literaria do CICUS dirixido por Juan Bonilla ou talleres impartidos por Sara Mesa, debutou en 2017 co libro de relatos El trigo que cae (Talentura). A súa traxectoria consolidouse co seu segundo libro, Cárceles de azúcar (Eolas Ediciones, 2022), recoñecido co 57º Premio Libro de Cuentos Fundación MonteLeón, e coa súa primeira novela, Kudryavka (Perra de pelo rizado) (Alianza Editorial, 2023), gañadora do XXIII Premio Unicaja de Novela Fernando Quiñones e finalista dos premios Felipe Trigo e Andalucía de la Crítica. En 2025, ademais, foi seleccionada para gozar dunha residencia literaria en Can Serrat (Barcelona) destinada precisamente a apoiar a creación do proxecto narrativo agora galardoado pola institución provincial coruñesa.