San Sadurniño acolle a exposición da Deputación “Sinaladas”, que recupera a memoria de 540 mulleres galegas
A deputada de Igualdade, Sol Agra, e a deputada provincial Cristina García participaron na inauguración da mostra xunto ao alcalde, Secundino García, e a concelleira de Benestar, María Muiño
A exposición, que percorre cen anos de conquistas e represión, poderá visitarse na galería da Casa do Concello ata o 30 de novembro
A exposición itinerante da Deputación da Coruña “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión” xa pode visitarse en na galería da Casa do Concello ata o vindeiro 30 de novembro.. A deputada de Igualdade, Sol Agra, e a deputada provincial Cristina García participaron esta tarde na inauguración da mostra xunto ao alcalde, Secundino García, e a concelleira de Benestar, María Muiño. Durante o acto, Sol Agra destacou o compromiso da Deputación coa recuperación e divulgación da memoria das mulleres galegas e coa visibilización das súas loitas, tantas veces esquecidas ou ocultadas nos relatos históricos.
“Falamos de mulleres que loitaron polos seus dereitos, pola liberdade e pola xustiza social, que foron perseguidas, represaliadas e mesmo asasinadas por non conformarse coas inxustizas e por defender unha sociedade máis igualitaria. Mulleres que, ademais de sufrir a represión, foron borradas durante moito tempo da historia oficial”, sinalou. A deputada subliñou que “Sinaladas” é unha forma de reparar ese esquecemento e de devolverlles o lugar que lles corresponde na memoria colectiva. “Desde a área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación mantemos o compromiso coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas, e tamén a das loitas colectivas que fixeron posibles os dereitos e as liberdades dos que hoxe gozamos”.
Agra incidiu tamén na importancia de achegar esta memoria ás novas xeracións: “É fundamental que coñezamos de onde vimos e todo o que houbo detrás das conquistas sociais e democráticas. Os dereitos nunca están garantidos para sempre e coñecer a historia é tamén unha maneira de defendelos fronte a calquera intento de retroceso”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar, María Muiño, salientou que o marco dos dereitos humanos debe ser un principio indiscutible de calquera democracia, pero advertiu de que a súa conquista non pode darse por rematada. “Esta exposición permítenos comprobar, desde unha perspectiva histórica, que os dereitos se conquistan a través da loita, pero tamén se poden perder. É unha chamada a defender os avances acadados e a seguir traballando por aqueles que aínda nos faltan”, sinalou.
A concelleira destacou, ademais, a importancia de visibilizar o papel das mulleres nos procesos de transformación social, na conquista da democracia e na defensa das liberdades. “O borrado das mulleres da historia é tamén unha forma de violencia. Por iso son tan necesarios traballos de investigación e divulgación como este, que recuperan as súas historias e nos permiten comprender a súa contribución fundamental á sociedade”, concluíu.
Tras a inauguración, a escritora e investigadora Montse Fajardo, autora dos textos e comisaria da exposición, ofreceu unha charla na que explicou o proceso de investigación e documentación que deu lugar ao proxecto e achegou algunhas das historias das mulleres que protagonizan a mostra.
A exposición
“Sinaladas” é unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña en 2023 co obxectivo de divulgar a historia das mulleres galegas e dos movementos femininos e activistas, ofrecendo unha visión global de cen anos de conquistas, loitas e represión, desde finais do século XIX ata as últimas décadas do século XX.
A mostra está estruturada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que recollen a historia de 540 mulleres. Organízase en trece estruturas: unha de presentación e doce dedicadas a diferentes temáticas e períodos históricos.
Os primeiros bloques céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa actividade e compromiso. Os seguintes percorren o período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla, mentres que os últimos abordan a continuidade da represión contra as mulleres durante a posguerra e mesmo despois da morte do ditador, así como a súa participación nas loitas que resultaron imprescindibles para a conquista da democracia.
A través de figuras coñecidas e doutras moitas mulleres anónimas ou esquecidas, “Sinaladas” contribúe a recuperar unha memoria colectiva imprescindible para comprender a historia contemporánea de Galiza.