Formoso destaca a chegada de Duncon ás Pontes como “unha aposta pola diversificación da economía comarcal e a creación de emprego”
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde pontés subliñou o impacto dunha industria que creará centos de empregos no polígono de Penapurreira a partir da transformación da dunita.
Representantes institucionais e empresariais visitaron a nave industrial adquirida polo grupo Pasek, promotor de Duncon, en Penapurreira, onde se desenvolverá este complexo de materiais estratéxicos.
O grupo Pasek, compañía con sede en Asturias especializada en materiais e servizos refractarios así como na minaría de dunita, presentou hoxe nas Pontes os detalles de Duncon, o novo proxecto industrial que implantará nas Pontes. O acto, celebrado na sede da Asociación de Empresarios das Pontes ante unha ampla representación empresarial, social e política, serviu para expoñer as liñas mestras dunha iniciativa que busca transformar os distintos compoñentes da dunita en materiais estratéxicos de alto valor engadido.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, comezou a súa intervención afirmando que a dunita, material que será a base deste proxecto, “é moi similar ao que deu vida ás Pontes durante máis de medio século como foi o lignito”. O presidente provincial puxo en valor o papel dinamizador da economía e do emprego que este proxecto vai xerar no municipio onde é alcalde.
Formoso detallou os trámites que houbo que superar para que Duncon se asentara no municipio pontés e puxo en valor a traxectoria da compañía, á que definiu como “unha empresa seria”. Tamén destacou a colaboración institucional para que “un investimento de máis de 70 millóns de euros chegue a esta comarca”. Precisamente a chegada deste proxecto é “unha aposta pola diversificación da economía comarcal, que non pode depender só dun estaleiro que, á súa vez, depende de que haxa fragatas para construír”.
Valentín González Formoso agradeceu a implicación da Conselleira de Industria da Xunta de Galicia para facer realidade este proxecto. Por último, fixo un repaso doutros proxectos que se asentarán no no municipio como SAIC e Indra e que suporán “un impulso económico e laboral vital para o progreso do municipio, da comarca e do país”.
Visita a Penapurreira e investimento progresivo
Antes da presentación oficial na entidade empresarial pontesa, as autoridades e os representantes da compañía realizaron unha visita á nave do polígono industrial de Penapurreira onde se asentará o complexo. A firma adquiriu alí un terreo de 40.981 metros cadrados no que se sitúa unha nave industrial existente de 18.587 metros cadrados, espazo que acollerá as futuras instalacións produtivas.
Cunha traxectoria de máis de medio século no sector mineiro e das solucións refractarias, a empresa formulou a implantación de Duncon de xeito progresivo. A folla de ruta contempla un investimento inicial estimado en 20 millóns de euros, unha contía que ascenderá ata os 70 millóns de euros de investimento acumulado unha vez que se complete o desenvolvemento total do proxecto.
Desde a dirección da compañía promotora, o CEO de Pasek, Pablo Cuervo-Arango, afirmou que “la materia prima, la dunita, es el punto de partida, y nuestro propósito es aportar valor a la sociedad”. Afirmó que “la industria en Europa debe seguir generando oportunidades económicas y sociales” e resumiu o proceso de reindustrialización como “la respuesta a la pregunta: ¿cómo podemos producir más valor a partir de los recursos de los que disponemos? No se trata de producir más, sino generar más valor de otros modos”.
Cuervo-Arango explicou que Duncon nace como unha oportunidade de aproveitar de mellor maneira a dunita. Repasou a súa composición e afirmou que o obxectivo deste proxecto é “no quedarnos solo en sus aplicaciones tradicionales, queremos explorar que más usos tiene y transformar los distintos componentes que tiene el material para generar nuevas oportunidades industriales”.
No eido laboral, as previsións dadas a coñecer durante a xornada apuntan á xeración duns 30 empregos directos na primeira fase de execución, cifra que poderá acadar os 100 postos de traballo cando o complexo industrial opere a pleno rendemento.
Na mesma liña, o director xeral de Pasek, Hernando Espinosa de los Monteros, afondou nas diversas aplicacións que pode ter a dunita e os próximos pasos que seguirá o proxecto. “Nuestro reto está en convertir el potencial en aplicaciones reales para la industria”, aseverou. A continuación, nomeou sectores como a construción, o tratamento de augas, ou a fabricación de deterxentes ou pneumáticos como ámbitos nos que poderían achegar valor engadido.
Solucións sostibles e aplicacións en sectores estratéxicos
O proxecto permitirá obter materiais capaces de substituír parcialmente os compoñentes tradicionais do cemento, contribuíndo deste xeito a reducir a pegada ambiental da súa fabricación. Outros dos derivados terán aplicacións directas no tratamento de augas, na produción de deterxentes, na fabricación de cables e plásticos resistentes ao lume ou na elaboración de compoñentes destinados a pneumáticos máis eficientes.
A maiores, a iniciativa contempla a obtención de materiais que, tras someterse a procesos adicionais de transformación, poderán empregarse en sectores clave para a transición enerxética, como a fabricación de baterías para vehículos eléctricos.
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, centrou a súa intervención en tres eixos principais: a “inmensa felicidade” de poder presentar un proxecto coma o que representa Duncon, coa reindustrialización das Pontes e de toda a comarca de Ferrolterra; o “potencial dos recursos naturais, coma este caso dos minerais” para a economía galega, non só dende o punto de vista da extracción, senón tamén da transformación; e a “importancia para as empresas interesadas de dispoñer de chan e de naves industriais”.
Finalmente, o presidente da Asociación Seara, que representa aos empresarios das Pontes, José Castro, sinalou que “esta nova é moi importante para As Pontes”. Fixo fincapé na colaboración institucional como unha poderosa ferramenta “para que os proxectos se convertan en realidades” e subliñou tamén “a importancia de que As Pontes siga atraendo proxectos coma Duncon”, pois supoñen desenvolvemento económico e social no municipio.