Estás en:Cultura Rede Cultural da Deputación da Coruña 2026 Rede Cultural Accesible

Rede Cultural Accesible

Un programa para incorporar a accesibilidade á Rede Cultural

A Deputación da Coruña impulsa Rede Cultural Accesible, un programa de sensibilización, formación e asesoramento que promove a incorporación da accesibilidade e o deseño universal á programación cultural dos concellos da provincia.

A iniciativa nace co obxectivo de acompañar aos diferentes axentes da Rede Cultural na construción dunha oferta cultural máis inclusiva, favorecendo a participación das persoas con discapacidade e garantindo o acceso á cultura en condicións de igualdade.

O proxecto estrutúrase en catro liñas principais:

  1. Encontros de sensibilización

  2. Formación

  3. Asesoramento técnico a compañías

  4. Documentos guía

Un apoio personalizado para crear espectáculos máis accesibles

O programa Por unha Rede Cultural Accesible ofrece un proceso de acompañamento dirixido a compañías profesionais e artistas das artes escénicas interesados en incorporar medidas de accesibilidade ás súas producións.

O obxectivo é facilitar a integración da accesibilidade desde as primeiras fases de creación ou adaptala a espectáculos xa estreados, contribuíndo a ampliar o acceso da cidadanía á cultura e favorecendo a presenza de espectáculos accesibles na Rede Cultural.

En que consiste?

Cada compañía participante contará cun proceso de asesoramento individualizado, adaptado ás características do seu proxecto.

O acompañamento permitirá:

  • identificar as medidas de accesibilidade máis axeitadas para cada espectáculo;
  • resolver dúbidas técnicas e metodolóxicas;
  • recibir orientación especializada durante o proceso de creación ou adaptación;
  • coñecer recursos e ferramentas de accesibilidade aplicables ás artes escénicas;
  • incorporar solucións viables que melloren a experiencia de todos os públicos.

 

A quen se dirixe?

O programa está dirixido a compañías profesionais e artistas das artes escénicas que desenvolven a súa actividade en Galicia, tanto con espectáculos xa estreados como con proxectos en fase de creación.

Convocatoria

Na presente edición seleccionaranse ata 10 compañías ou artistas, que recibirán este asesoramento de maneira gratuíta.

 

Durante o mes de maio de 2026 celebráronse cinco encontros territoriais de sensibilización en Neda, Oleiros, Vimianzo, Outes e Ames, reunindo a persoal técnico municipal de cultura, profesionais das artes escénicas e persoas con discapacidade. En total participaron representantes de 29 concellos e 56 profesionais das áreas de cultura.

Estes encontros permitiron coñecer de primeira man as principais necesidades e retos para avanzar cara a unha Rede Cultural máis accesible. A metodoloxía, baseada na participación directa de persoas con discapacidade, favoreceu un espazo de diálogo e aprendizaxe compartida, no que se identificaron tanto barreiras como oportunidades de mellora.

Principais conclusións

Os encontros puxeron de manifesto varios aspectos prioritarios para seguir avanzando na accesibilidade cultural:

  • A accesibilidade conta cun amplo consenso entre o persoal técnico municipal, que demanda apoio para incorporala de maneira efectiva ás programacións culturais.

  • Os concellos, especialmente os de menor tamaño, precisan máis recursos, asesoramento e ferramentas prácticas para implantar medidas de accesibilidade.

  • Existe unha necesidade clara de formación en ámbitos como a comunicación accesible, a atención ás persoas con discapacidade ou a lingua de signos, así como de orientación práctica para adaptar espazos e actividades culturais.

  • Detectouse a conveniencia de incorporar criterios de accesibilidade na propia Rede Cultural e reforzar o apoio da Deputación mediante recursos, servizos especializados e instrumentos que faciliten a súa implantación.

Un punto de partida

As conclusións desta primeira fase constitúen a base sobre a que se desenvolverán as seguintes actuacións do programa: accións formativas, asesoramento técnico, elaboración de recursos e incorporación progresiva de medidas que contribúan a facer da Rede Cultural un espazo máis inclusivo e accesible para toda a cidadanía.

A formación constitúe unha das liñas estratéxicas do programa e ten como finalidade proporcionar aos distintos axentes da Rede Cultural coñecementos e ferramentas prácticas para incorporar a accesibilidade na planificación, organización e desenvolvemento das actividades culturais.

Nesta sección iranse publicando as accións formativas, os seus contidos e toda a información necesaria para participar.

O programa irá xerando progresivamente materiais de referencia para facilitar a incorporación da accesibilidade na Rede Cultural. Guías, recomendacións, documentación técnica e outros recursos estarán dispoñibles nesta sección para favorecer a súa consulta e aplicación por parte de concellos, compañías e profesionais da cultura.