O galego, a miña lingua propia


Temos unha lingua que é moi rica e é nosa.
Nela pódese facer ciencia, arte, cantar, debuxar e amar.
O galego é a nosa lingua propia, un idioma en que se pode facer banda deseñada, rapear, ligar ou viaxar polo mundo enteiro.
O galego é a nosa lingua propia e queremos gabarnos dela, porque si, porque nos peta e temos exemplos abondo nos que nos reflectir!
Potenciar o uso asiduo do galego en todos os ámbitos da vida e afortalar a identidade lingüística da poboación moza: estes son dous dos obxectivos trabe desta campaña de dinamización lingüística lanzada pola Deputación da Coruña, que percorreu os centros de ensino secundario de 43 concellos da provincia e que recibiu a Mención especial dos II Premios Mil Primaveras.
A presente campaña dirixiuse á xente nova á que se lle quería ofrecer referentes atraentes para ela, por mor da súa actividade pública e que, ademais, fosen ou puidesen constituírse tamén en referentes en canto ao uso da lingua e ás actitudes de compromiso cara a ela. Un proxecto ambicioso e ilusionante e que lle trasladou á mocidade o positivo de empregar o galego, en todos os ámbitos da vida como o fan nos seus respectivos as xentes que forman parte do proxecto en primeira persoa, mais abriu a participación de xeito activo a todo o persoal técnico, profesorado e alumnado, aprendendo e gozando con profesionais de ámbitos tan variados como a música, a literatura, as artes plásticas, o audiovisual, a comunicación, o mundo da moda ou a sanidade, todas elas co galego como lingua propia.
As persoas encargadas das actividades son profesionais destacadas, interesantes polos seus respectivos ámbitos e cun recoñecido compromiso coa lingua. Levaron un total de 91 actividades aos centros de educación secundaria dos seguintes concellos da provincia da Coruña: A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo, Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía.
'O galego, a miña lingua propia' pon en valor que temos un idioma propio, para convencer á mocidade de que o incorpore á súa vida cotiá; tamén busca reafirmar o uso da lingua en mozos e mozas que a usan só nalgúns contextos, crear demanda de falantes de galego, promover a sensibilización idiomática e en definitiva fomentar unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua, gozando con ela de todas as actividades propostas.
