A Deputación demanda unha moratoria da minaría submarina en defensa do medio mariño e da súa biodiversidade
O pleno da Corporación provincial realizou hoxe unha declaración institucional na que insta ao Goberno do Estado a solicitar á ISA unha moratoria nesta práctica ata que se estude o suficiente o seu impacto nos fondos mariños
O texto tamén pide a súa prohibición en augas baixo xurisdición nacional e a exclusión explícita da posibilidade de realizar esta actividade nas áreas mariñas protexidas e de importancia ecolóxica ou biolóxica
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha declaración institucional para instar ao Goberno do Estado a promover e defender ante a Alta Autoridade dos Fondos Mariños (ISA) unha moratoria da minaría submarina ata que se estude e investigue o suficiente o seu impacto no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades do mar.
Co obxectivo de garantir que non se perda a biodiversidade nin se degraden os ecosistemas mariños, a Deputación demanda ao Goberno de España a levar a cabo esta petición na defensa dos fondos mariños. Na declaración tamén se solicita ao Goberno a que garanta a participación de organizacións pesqueiras e ambientais nas delegacións de España ante a ISA, promovendo unha reforma do organismo para unha maior transparencia e participación da sociedade civil e dos sectores afectados.
O texto tamén lle demanda ao Estado a prohibición da minaría submarina nas augas baixo a súa xurisdición nacional e exclúa explicitamente a posibilidade de realizar esta actividade nas áreas mariñas protexidas e de importancia ecolóxica ou biolóxica. Inclúese nestas o Banco de Galicia. Por último, a Deputación pídelle á Xunta de Galicia que demande ao Goberno do Estado o cumprimento destes acordos, realizando as actuacións que sexan necesarias.
Unha das principais ameazas para os fondos mariños
A Deputación súmase así aos diversos organismos e entidades que alertan sobre os impactos coñecidos ou probables da minaría submarina. Esta práctica constitúe unha das principais ameazas á integridade dos fondos mariños, desde as consecuencias tóxicas das plumas de sedimentos e metais pesados en toda a cadea trófica ata a liberación de gases de efecto invernadoiro. Así mesmo, a declaración destaca que esta práctica podería afectar ás capturas dos barcos galegos na dorsal do Atlántico, poñendo en risco caladoiros de proximidade, así como provocar a destrución ou extinción de especies. Tamén podería chegar a impedir o descubrimento de novos medicamentos asociados a formas de vida das profundidades oceánicas.