O Reino de Galiza centra a nova liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña
Socializar o coñecemento sobre a historia medieval galega a través de audiovisuais, merchandising, produtos propios da 'cultura pop' actual, intervencións de cultura urbana, libros ou discos, é o obxecto da convocatoria do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22'
A área de Cultura destina un total de 250.000 euros a este Fondo, no que se seleccionarán un total de 20 proxectos, cun orzamento máximo de 12.500 euros por proxecto
A área de Cultura da Deputación da Coruña abre, neste ano 2022, unha nova liña de traballo que terá o Reino de Galiza e a socialización da historia medieval galega como leitmotiv. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o asesor da área, Xavier Campos, presentaron esta mañá a primeira das iniciativas neste ámbito, o 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22'. Unha convocatoria que ten por obxectivo, en palabras de Xurxo Couto "contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza".
A través deste Fondo destinarase un orzamento total de 250.000 euros a proxectos en todo tipo de soportes e formatos, desde libros e discos, ata merchandising, intervencións de cultura urbana, contidos para canles de Redes Sociais, ou produtos vinculados á denominada 'cultura pop'. Esta convocatoria está especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e de todas as propostas presentadas, seleccionaranse un total de 20 proxectos que recibirán unha contía máxima de 12.500 euros cada un. A convocatoria, que xa foi anunciada no BOP, entrará en vigor nos vindeiros días cando saia publicada na plataforma estatal de subvencións.
"Os galegos e as galegas temos moitos motivos para sentirnos orgullosos e orgullosas da nosa historia medieval pero dificilmente se pode poñer en valor algo que non se coñece" aseguraba o asesor de Cultura, Xavier Campos, quen insistiu en que "non se trata de xerar contidos simplemente académicos e destinados a público interesado previamente, que tamén, senón que queremos chegar a un público moito máis amplo". Neste sentido, Xavier Campos explicou que "se trata de facer chegar a toda a sociedade que aquí existiu un Reino medieval de Galiza, ao igual que se fixo co Reino de Asturias ou co Reino de León, cuxa percepción social vai máis aló do contexto histórico e está asentado noutros ámbitos como o cultural ou o deportivo".
Da inventio do Apóstolo Santiago á revolta irmandiña
"Sen estudar o Reino de Galiza non é posible hoxe comprender a propia existencia e as relacións galegas con Portugal, os porqués da inventio da tumba do Apóstolo Santiago, o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego e que nesta lingua florecese a expresión literaria máis relevante e culta do medievo peninsular, a verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta irmandiña contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real" asegurou Xurxo Couto.
A este respecto o deputado indicou que a etapa medieval "é unha das etapas máis relevantes e tamén unha das menos estudadas da nosa historia social e política." Partindo desta premisa, fixo fincapé en que "a sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara o futuro". Tamén explicou que "esta é unha das épocas máis manipuladas e terxiversadas no relato oficial instalado desde o franquismo."
Xurxo Couto e Xavier Campos tamén avanzaron que a convocatoria do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22' terá continuidade con novas iniciativas relacionadas co Reino de Galiza que se desenvolverán tanto ao longo de 2022 como en vindeiros anos.