A Deputación da Coruña expresa o seu apoio ás mobilizacións do persoal sanitario e insta á Xunta a reunirse cos seus representantes
Na moción denúnciase a "situación insostible" que se está a vivir na atención primaria e na hospitalaria da Coruña e alértase de que "as urxencias están desbordadas"
Tamén se pide á Xunta a que incremente o orzamento en sanidade, cesando os despidos de contratos COVID-19 e contratando o persoal preciso
A Deputación da Coruña expresa o seu total apoio ás mobilizacións que está a levar a cabo o persoal sanitario de atención primaria e hospitalaria e insta á Xunta de Galicia a que se reúna cos seus representantes e escoite as súas demandas.
Este requirimento, formulado a través dunha moción presentada polo grupo provincial de Marea Atlántica á que se incorporou unha emenda conxunta do PSdeG-PSOE e do BNG, vén dado pola "situación insostible" que se está a vivir na atención primaria e na hospitalaria da provincia da Coruña. A moción foi aprobada cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.
Alértase de que "segundo denunciou a Xunta de Persoal, as urxencias están desbordadas e en situación de auténtico colapso" ademais do "enorme atasco nos centros de saúde, onde as listas de agarda e a saturación do persoal sanitario non deixan de aumentar, chegando a ver ata a 70 e 80 pacientes diarios".
"Así, na Coruña temos servizos de urxencias que non poden máis, e centros de saúde que están ao límite e que mesmo perden servizos por non cubrir as baixas e as vacacións, como aconteceu recentemente en Labañou, Monte Alto ou Novo Mesoiro", relátase no texto.
Na moción faise fincapé en que "as condicións das traballadoras do Servizo Galego de Saúde non deixaron de empeorar desde que Feijoo é presidente e non son froito da COVID-19. Veñen de moi atrás, alimentadas por constantes recortes, empeoramento das condicións laborais, derivacións a centros privados e falta de investimento público, e seguen sen recuperarse os niveis previos á crise de 2008".
Por isto, exprésase o "apoio ás mobilizacións do persoal sanitario de atención primaria e hospitalaria", ínstase á Xunta de Galicia "a reunirse cos seus representantes e a escoitar as súas demandas" e solicítaselle que "incremente o orzamento anual en sanidade, cesando os despidos de contratos COVID-19 e contratando a todo o persoal preciso para cubrir as necesidades sanitarias".
O pleno aprobou tamén unha declaración institucional amosando a súa solidariedade coas persoas traballadoras do Servizo de Atención no Fogar e expresando o seu apoio ás reivindicacións da Plataforma SAF Galicia e á necesidade de negociar un novo convenio para o sector. O texto destaca "o labor fundamental" que desenvolven as traballadoras do SAF durante a pandemia a pesar de contar en moitas ocasións con condicións precarias de traballo.