A Casa Casares Quiroga acolle a primeira presentación de ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, obra gañadora do Premio Dieste
Terá lugar o vindeiro xoves, 10 de febreiro ás 19h, e contará coa participación do autor, Roberto Pascual, das actrices Sheyla Fariña e Laura Míguez, e do deputado de Cultura, Xurxo Couto
'Sophie non é o meu nome de guerra', obra coa que Roberto Pascual gañou o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña 2021, será presentada o vindeiro xoves na cidade da Coruña. A cita terá lugar o día 10 de febreiro ás 19h na Casa Museo de Casares Quiroga, nun acto aberto ao público con acceso libre ata completar a capacidade.
Na presentación participarán o propio autor, Roberto Pascual, que estará acompañado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e polas actrices Sheyla Fariña e Laura Míguez, que realizarán unha lectura dramatizada de fragmentos da obra.
Convén lembrar que 'Sophie non é o meu nome de guerra' fora escollida por unanimidade como gañadora do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais por un xurado composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, pola actriz Iria Pinheiro, pola a actriz e creadora escénica Marta Pérez e polo autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes.
A obra, escrita para ser interpretada por dúas actrices, aborda a historia dunha muller migrante, a riqueza das culturas populares de África e o tráfico de persoas. Segundo recollera o xurado no seu informe "trátase dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina" e "aborda un tema insólito no teatro galego xa que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller". O fallo do premio valorara tamén que "a historia está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa".
O autor, Roberto Pascual Rodríguez, é profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. É licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática pola USC. Formou parte da Aula de Teatro da USC durante cinco anos, como actor en espectáculos dirixidos por Roberto Salgueiro. Traballou no Instituto Cervantes, na Universidad Complutense de Madrid e impartiu cursos e obradoiros en ActingHelps e na Facultade de Formación do Profesorado da USC, Campus de Lugo. Forma parte dos consellos de redacción da Revista Galega de Teatro e de Madrygal. Dirixe a colección Abrente da editorial Difusora e ten publicados ensaios sobre as artes escénicas en actas de distintos Congresos (UNED, Universidade de Toulouse II Le-Mirail, Montpellier, Avignon), en libros e revistas como Grial, ADE Teatro, Tempos Novos, Galicia 21 (Bangor University), Casahamlet, Lucero (University of California, Berkeley), Revista de Estudios Humanísticos (Universidad de León). De máis recente publicación é o seu libro "Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro" (Xerais) ou a edición e tradución ao castelán da obra "Matalobos" de Raúl Dans. Ademais, é autor de cadernos pedagóxicos para o DDC-Teatro do Noroeste ou compañía Viravolta-Seisdedors. Tamén é membro numerario da Academia Galega de Teatro e Premio Arenteira de Cultura 2017. Membro do Consejo Artístico e do Consejo Estatal das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e da Comisión redactora do informe "As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas" do Consello da Cultura Galega.