A Deputación completa os trámites de expropiación para as obras de mellora da seguridade da estrada de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo
A Deputación cita os propietarios dos terreos afectados polas expropiacións os días 22 e 23 de febreiro para pagarlles os depósitos previos
As obras contan cun importante investimento de máis de 1,8 millóns de euros e inclúen a construción dunha senda de 2 km e a eliminación das curvas perigosas no núcleo de Padreiro
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de pago de depósitos previos dos 115 terreos afectados polas obras de mellora e construción dunha senda peonil e mellora da seguridade viaria na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas, no Concello de Vimianzo.
A Deputación da Coruña avanza nos trámites para levar a cabo esta importante actuación de mellora da seguridade viaria na contorna. Os veciños e veciñas propietarias dos terreos están citados os días 22 e 23 de febreiro a partir das 16:15 horas na Casa da Cultura de Vimianzo para que a Deputación lles efectúe o pago dos depósitos previos
A renovación desta estrada conta cun importante investimento de 1.863.708 euros, dos que 1.615.469 corresponden ao financiamento das obras e os 248.239 euros restantes destínanse ás expropiacións necesarias para a súa execución.
Unha nova senda de dous quilómetros
As obras permitirán construír unha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.
O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, destacou que con esta medida "a veciñanza da contorna disporá dun itinerario peonil seguro e accesible, que ademais facilitará aos máis pequenos e pequenas o acceso ao bus escolar nas mellores condicións", cumprindo ademais "unha demanda histórica" do Concello de Vimianzo para a mellora da seguridade viaria nesta zona.
A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade necesaria para desaugar.
Melloras no trazado para evitar curvas perigosas
O proxecto tamén inclúe a mellora do trazado da estrada no punto quilométrico 4+500, actualmente moi sinuoso, con curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros pavimentado con mestura bituminosa en quente.