A Deputación conmemora o Día da Lingua Materna cun espectáculo familiar na Biblioteca provincial
O 21 de febreiro foi declarado pola UNESCO como o Día da Lingua Materna co obxecto de promover a diversidade lingüística e cultural, así como a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural do pobos
A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, conmemora o Día da Lingua Materna cun espectáculo familiar na Biblioteca provincial. Trátase do conto musicado 'A música das buguinas' narrado por Mamá Cabra e con música de Bellón Maceiras e terá lugar ás 18h do luns 21 de febreiro. Ademais, todas as persoas asistentes ao espectáculo recibirán como agasallo o disco-libro ilustrado por Leandro Lamas e que recolle a historia que se narra na actuación.
A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, explica que "coa elección dun espectáculo familiar para conmemorar esta data, queremos sensibilizar sobre a importancia do uso do galego desde a infancia e en todas as facetas da vida cotiá como unha fórmula pra loitar contra a progresiva perda de falantes do noso idioma e mesmo contra tópicos e actitudes que pretenden desprestixialo". Neste sentido, María Muíño lembra que os datos estatísticos a respecto do uso do galego indican que é necesario actuar "desde todos os ámbitos con mudanzas legais mais tamén desde o ámbito social, na procura dunha lingua de calidade que estea presente en todos os espazos, desde os medios de comunicación ata o lecer, a atención telefónica ou a sanidade".
A celebración do Día da Lingua Materna aprobouse na conferencia xeral da UNESCO no ano 1999 e conmemórase desde o ano 2000 en todo o mundo, co obxectivo de sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todas e todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural do pobos.
A diversidade lingüística encóntrase ameazada cun número cada vez maior de linguas que desaparecen, o que supón á súa vez a perda dun importante patrimonio cultural e intelectual. O sentido desta celebración é o de actuar fronte á cada vez maior ameaza que pesa sobre a maioría das linguas do planeta. Neste contexto, a UNESCO denuncia que "o uso -ou o desuso- de determinadas linguas pode hoxe abrir ou cerrar portas a amplos sectores sociais en moitos lugares do mundo".