Estás en:Novas

A Deputación dinamizará actividades de comunicación e xestión no coworking da Capela a través dunha achega de 32.000 euros

O convenio de colaboración, incluído dentro do Plan de Emprego Local (PEL), foi aprobado hoxe no pleno provincial

Este acordo inclúe o financiamento de diferentes accións de difusión e contratación de persoal para o espazo entre os meses de marzo do 2022 e o 2023

O ente provincial facilitará así a asistencia técnica na administración e funcionamento das instalacións, unha tarefa que comprende o seguimento de proxectos en marcha ou a captación de novas persoas usuarias

A Deputación dinamizará actividades de comunicación e xestión no coworking da Capela a través dunha achega de 32.000 euros

A Deputación da Coruña, dentro do Plan de Emprego Local (PEL), destina 32.000 euros para actividades de dinamización, comunicación e xestión do coworking da Capela, que está incluído dentro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. Este convenio de colaboración foi aprobado hoxe no pleno provincial.

A través deste acordo seguirase a impulsar o emprendemento no municipio e a súa contorna. A Deputación compromete así o seu apoio nas accións de difusión e publicidade do espazo, así como a asistencia técnica para a súa administración e funcionamento, incluíndo a xestión e control das instalacións e os seus usos, titorías, seguimento de proxectos en marcha e captación de novas persoas usuarias, entre outras tarefas.

Con este obxectivo prevese a contratación dunha persoa encargada de administrar e promocionar accións no coworking, así como a provisión de relatores e servizo de catering para a celebración de eventos. As actividades subvencionadas realizaranse entre o 8 de marzo do 2022 e o 8 de marzo de 2023.

O orzamento total para este plan ascende aos 40.000 euros, dos que a Deputación achegará un 80% do custe, 32.000 euros, e o Concello da Capela a contía restante.

A Rede Provincial de Coworking

O espazo de coworking da Capela adheriuse á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo mediante un convenio asinado a comezos de 2021. A día de hoxe conta con doce persoas emprendedoras que están a desenvolver 14 proxectos empresariais e que reciben asesoramento á hora de impulsar os seus negocios e dinamizar a economía na zona.

A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, posta en marcha desde o Plan de Emprego Local, atópase actualmente conformada por 11 centros: o Coworking Pazo de Arenaza de Oleiros, o Fórum Carballo, o centro de transformación Daquí Darredor de Brión, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Proa de Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche, o GreenCoworking das Pontes, o centro de emprendemento A Estación de Vedra, o Coworking Dixital CCompostela de Santiago e o Coworking A Pobra, ademais do nomeado coworking A Capela.

Pódese atopar máis información sobre a Rede de Coworking en: https://redecoworking.pel.gal/.