Minuto de silencio no pleno da Deputación en memoria das vítimas do Vila de Pintanxo
A Deputación amosa o seu compromiso pola igualdade e seguirá a potenciar accións de cohesión social e laboral con perspectiva de xénero
O ente provincial emitiu no pleno de hoxe unha declaración institucional pola conmemoración do 8M, Día das Mulleres, na que fixa obxectivos para rachar cos estereotipos no acceso aos itinerarios formativos
O pleno comezou cun minuto de silencio en sinal de loito polos tripulantes falecidos do pesqueiro 'Villa de Pitanxo'
O pleno provincial desta mañá comezou cun respectuoso minuto de silencio en sinal de loito e de acompañamento ás vítimas do pesqueiro 'Villa de Pitanxo' e as súas familias, á vila de Marín e a toda a comarca do Morrazo en particular.
Tras a homenaxe, o pleno aprobou unha declaración institucional na que amosa o seu compromiso pola igualdade e na que adopta unha serie de acordos para rachar coa precarización e alcanzar unha maior cohesión social e laboral con perspectiva de xénero.
O texto, asinado por todos os grupos da corporación provincial, manifesta a busca "dunha sociedade na que impere o modelo coeducativo enfocado á ruptura dos estereotipos de xénero, así como valores como o respecto á igualdade e á diversidade".
Neste sentido, o ente provincial acorda "intensificar o labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social e demais accións de promoción contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo", todo isto dentro "do plan Emprega en Feminino".
Un dos retos irrenunciables marcados pasa por "asegurar o benestar integral de todas as mulleres", así como "avanzar noutra políticas de cohesión social e dinamización demográfica a través de medidas favorecedoras da plena igualdade e con perspectiva de xénero".
A declaración institucional tamén se refire ao colectivo das traballadoras do fogar. Así, roga "que non se demore máis a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT e atenda as demandas" do gremio "para avanzar na súa dignificación e protección.
O escrito finaliza cun compromiso, o de "realizar un programa de visibilización, sensibilización, motivación e orientación vocacional para rachar os estereotipos de xénero no acceso aos itinerarios formativos", unha medida recollida na OE 4.3 da diagnose de igualdade.