A Deputación da Coruña demanda á Xunta melloras en saúde mental e insta a abolición da prostitución
As mocións, presentadas polo grupo socialista, alertan da urxencia de establecer medidas efectivas nas administracións para conseguir estes obxectivos
Pídelle á Xunta que cumpra o acordo parlamentario do 23 de marzo de 2021 para desenvolver o Plan galego de saúde mental
Insta o Goberno de España a que elabore unha Lei contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual que teña como obxectivo a abolición da prostitución no noso país
A Deputación da Coruña demandou hoxe melloras no ámbito da saúde mental e tamén a abolición da prostitución e da trata de mulleres e nenas. As mocións, presentadas polo grupo socialista, alertan da urxencia de establecer medidas efectivas nas administracións para conseguir estes obxectivos.
No texto sobre saúde mental, aprobado con 15 votos a favor de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e 11 votos en contra do PP cualifícase a este ámbito como "un dos graves problemas de saúde que está a padecer a nosa sociedade en xeral" e lémbrase que "a ratio de profesionais existentes en Galicia en función da poboación coloca a esta comunidade á cola de España en todas as categorías" ademais de que "os datos sobre suicidios sitúan a Galicia entre as comunidades con peores datos porcentuais".
A moción destaca que se precisa "unha aposta decidida para acompañar unha reivindicación cidadá clara" e por iso insta á Xunta de Galicia a "dar cumprimento efectivo ao acordo parlamentario do 23 de marzo de 2021 para desenvolver o Plan galego de saúde mental, promovido polo Grupo Socialista e aprobado por unanimidade", a "fixar unha comisión de seguimento deste Plan", a "axilizar os medios necesarios para crear unha unidade de hospitalización infanto-xuvenil en cada área sanitaria", a "promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria", a "desenvolver de maneira efectiva o Plan galego contra o suicidio", a "promover formación sobre saúde mental para profesionais dos Servizos Sociais e programas de intervención comunitaria sobre a promoción da saúde mental na poboación xeral".
Abolición da prostitución
Na segunda moción, tamén presentada polo Grupo Socialista e aprobada por unanimidade no pleno tras a incorporación dunha emenda de Marea Atlántica, exponse que "a prostitución e a trata para a explotación sexual de mulleres son as manifestacións máis crueis e violentas da desigualdade" e subliña que "a abordaxe da trata con fins de explotación sexual non pode desligarse do fenómeno da prostitución porque é a demanda de prostitución a principal causa do aumento da trata de mulleres e nenas".
O texto explica que "España é un dos países onde máis mulleres e nenas son prostituídas, cun 39% dos homes que acudiron á prostitución polo menos unha vez na súa vida, con moita distancia respecto aos demais países que se sitúan preto do 19%, a media europea".
"É necesaria unha resposta máis contundente por parte de todas as administracións" e, por iso, ínstase "ao Goberno de España a que elabore unha Lei contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual que teña como obxectivo a abolición da prostitución no noso país" e pídese que se impulse "no marco das competencias autonómicas/municipais medidas de sensibilización e formación sobre a vulneración dos Dereitos Humanos que supón a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a favor da prostitución". Ademais, o texto apunta a creación dun novo programa provincial de igualdade que poña o foco neste asunto e que "todas as administracións a que traballen de forma efectiva pola desaparición dos espazos onde se promova a prostitución e poñan en marcha programas de protección e apoio integral para as mulleres prostituídas".
Outras mocións
O pleno rexeitou as mocións presentadas por Marea Atlántica sobre pensións e sobre a implantación da eólica mariña offshore en Galicia, tras rexeitar as emendas presentadas polo Grupo Socialista e o Grupo Popular.
A corporación rexeitou tamén cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención de Marea Atlántica a moción do Grupo Popular instando á creación de albergues provinciais para a recollida de animais abandonados nos concellos da provincia.
Os socialistas e nacionalistas coincidiron en criticar que o PP "pida, unha vez máis, que a Xunta decida e as deputacións e os concellos paguen", tras derivarlles aos municipios a competencia en atención a animais abandonados sen dotala de fondos.
O pleno rexeitou tamén cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e abstención de Marea Atlántica a moción do Partido Popular sobre o pacto de Estado por Ferrol.
Os portavoces dos de PSOE e BNG xustificaron o seu voto en contra pola falta de negociación previa co Goberno do Estado e as administracións implicadas. "Un pacto páctase, non se impón", afirmou o portavoz socialista, Bernardo Fernández, que incidiu na ausencia de compromiso investidor da Xunta na súa proposta. A portavoz do BNG, María Muíño, destacou tamén a falta de "medidas, diñeiro e prazos" do que é "unha mera descrición de obxectivos e distribución de tarefas a outras administracións".
No pleno tomou posesión Gumersindo Galego como deputado provincial do Grupo Popular. Galego substitúe no escano do hemiciclo provincial a Martina Aneiros.
Galego, na súa estrea como deputado, destacou que a proposta do pacto de Estado por Ferrol é necesaria ante a grave situación socioeconómica que atravesa a comarca.