A Deputación apoia a creación coa convocatoria de cinco dos seus premios culturais
Xa se poden consultar no BOP as bases do Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, do Antonio Fraguas Fraguas de artesanía, do Luis Ksado de creación fotográfica, do 'Narf' para grupos e artistas musicais e do Rosalía de Castro de lingua.
A institución provincial investirá 55.000 euros para premiar os gañadores e gañadoras dos catro certames
A Deputación da Coruña segue apostando polos premios para apoiar a creación cultural nas súas distintas facetas. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases de cinco dos certames do catálogo anual da institución provincial: o VI Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, o XIV Certame Antonio Fraguas Fraguas de artesanía, o XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica, o XIV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais e o XIII Premio Rosalía de Castro de lingua.
Para premiar as mellores propostas destes concursos a Deputación reservou un investimento de 55.000 euros. O prazo de presentación de traballos ou candidatos farase público no BOP en videiras datas; no caso do Rosalía de Castro a data límite xa se coñece, as 14 horas do 29 de abril.
"Un ano máis", salientou o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, "convocamos estes premios que fomentan a creación cultural en todos os eidos e con contías que serven de estímulo e que recoñecen o traballo de artesáns, fotógrafos e fotógrafas, persoas ou entidades comprometidas coa igualade entre mulleres e homes, coa creación musical ou coa dignificación social do noso patrimonio lingüístico, no caso concreto destes catro certames".
O certame Rosalía de Castro de lingua, convocado pola área provincial de Normalización Lingüística, chega a súa décimo terceira edición para seguir recoñecendo iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico galego, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego. Repartirá 15.000 euros, 5.000 por cada unha das súas tres categorías: á persoa e á entidade que máis destaquen na promoción da lingua galega e ao proxecto concreto (ferramentas, publicacións/coleccións, portais, web, etc.) de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.
O VI Premio Begoña Caamaño está destinado a recoñecer traxectorias de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. Establécense dous premios, dotados con 6.500 € cada un deles; un para premiar a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades, e outro para premiar iniciativas ou proxectos culturais.
No XIV Certame Antonio Fraguas poderán participar todas as artesás e todos os artesáns que traballen no campo da artesanía galega tradicional ou contemporánea, tanto a título particular como en agrupacións de varios autores, colectivos e asociacións, e que non fosen premiados neste certame nos catro anos anteriores. Para cada unha das dúas modalidades, a tradicional e a contemporánea, establécese un premio de 6.500 euros. O xurado poderá propoñer a adquisición das obras premiadas, sempre que a valoración de cada unha delas non sexa superior a 8.000 €.
O Luís Ksado cumpre a súa décimo sexta edición consolidado como un dos certames de referencia no campo da fotografía en España. Concederá un único premio, ao gañador ou gañadora, por un total de 6.500 euros. O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas para a súa inclusión nunha exposición itinerante por municipios da provincia. Con motivo desta exposición editarase o correspondente catálogo e as persoas que resulten seleccionadas recibirán, cada unha delas, unha cantidade única de 300 €, en concepto de cesión temporal das coleccións.
O 'Narf' chega á súa XIV edición e está dirixido a grupos ou artistas musicais en galego do ámbito da música pop e variantes, como o folk, o rock, rap ou reaggae, e que non fosen premiados nos cinco anos naturais anteriores do concurso. Este certame, que homenaxea a figura e obra do músico e compositor Fran Pérez 'Narf', establece un primeiro premio dotado con 4.000 euros, un segundo con 2.000 euros e un terceiro con 1.500 euros.
A presentación de traballos e propostas farase de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica SUBTEL