A Deputación da Coruña pon a disposición do Goberno de España 80 prazas de acollida para persoas refuxiadas da guerra de Ucraína
Conta con 40 prazas de dispoñibilidade inmediata na residencia do IES Rosalía Mera e estudará a posibilidade de adecuar outras infraestruturas provinciais no caso de ser necesario
A Deputación xa acolleu na década dos 90 a familias bosnias durante a Guerra dos Balcáns
A Deputación da Coruña, ante a grave crise humanitaria que atravesa Ucraína pola invasión rusa, pon a disposición do Goberno de España 80 prazas para acoller a refuxiadas e refuxiados procedentes deste país nas instalacións da residencia estudantil do IES Rosalía Mera.
Corenta desas prazas teñen unha "dispoñibilidade inmediata", en habitacións e espazos xa equipados no centro, segundo explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que explicou que o resto estarían a disposición do Goberno, en función das necesidades, nos centros de atención a menores da Deputación e noutras instalacións de titularidade provincial como o edificio A Milagrosa da Coruña, tras a realización de obras de adecuación e mellora de espazos que a institución provincial está disposta a acometer.
"O noso obxectivo é que a solidariedade de Galicia co pobo ucraíno chegue a todas as persoas que poidamos. Non podemos ser alleos á grave crise humanitaria que supón a guerra para tantas persoas e tantas familias ", indicou Formoso, que afirmou que a Deputación xa fixo chegar esta oferta ao Goberno de España.
A Deputación da Coruña xa conta con experiencias previas neste eido. Na década dos 90, durante o conflito dos Balcáns, colaborou co Goberno Central nun programa de acollida de refuxiados bosnios, que permitiu que trece familias con vinte menores procedentes de Skopje se instalaran na residencia A Milagrosa da cidade herculina.