O Plan Único da Deputación destina 255.000 euros para a ampliación do paseo fluvial de Sabón ao Rañal, en Arteixo
Construirase unha senda peonil e un carril bici, que cruzarán o río Bolaños mediante unha pasarela de madeira, e que unirán así os actuais sendeiros que hai entre o polígono e a praia de Alba
Valentín González Formoso indica que "a través do Plan Único xa se levaron a cabo máis de 2.700 obras desde o ano 2017" e destaca a súa "utilidade para a mellora, acondicionamento e renovación de servizos e infraestruturas municipais"
A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, o proxecto para a ampliación do paseo fluvial de Sabón ao Rañal, no Concello de Arteixo, unindo os actuais sendeiros que hai entre o polígono e a praia de Alba. A actuación, que conta cun orzamento de 255.814,05 euros, está a licitación pública no perfil do contratante municipal e o prazo de presentación de ofertas remata o 30 de marzo.
A obra consistirá na construción dunha senda peonil e un carril bici, de 2,35 metros de ancho, que discorrerán xuntos ao carón da marxe esquerda do río Bolaños para cruzalo mediante unha pasarela de madeira de pino e circular paralelo á travesía do Rañal. O novo itinerario conectará co existente xunto ao aparcamento, na marxe oposta da travesía do Rañal, para o que se prevé a habilitación dun paso de peóns elevado e a colocación de bandas redutoras de velocidade.
Para diferenciar a senda do carril bici seleccionouse lastre artificial estabilizada con cemento como firme para o espazo peonil e jabre vermello estabilizado con cemento branco para o paso das bicicletas. O proxecto tamén inclúe a renovación superficial do tramo de carril bici e senda peonil que xa existe xunto ao aparcamento.
Ademais, entre os PPKK 0+480 e 0+565 a senda farase mediante pasarela de madeira de pino elevada 50 centímetros sobre o terreo actual para facilitar a drenaxe na zona de inundación, que se executará mediante cuneta en terra e evacuando a auga cara o río por un tubo de PVC.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca que "O Plan Único continúa demostrando que é de enorme utilidade para a mellora, acondicionamento e renovación de servizos e infraestruturas municipais, adaptándose ás demandas dos Concellos, posto que son eles os que mellor coñecen a súa realidade e as necesidades da veciñanza, e cunha asignación clara e transparente" e indica que "a través do Plan Único xa se levaron a cabo máis de 2.700 obras na provincia desde o ano 2017".