Moeche amplía a rede de abastacemento de auga na parroquia de Santa Cruz a través do Plan Único da Deputación
Vén de rematar a canalización dos núcleos de Loureiro, a Casatellada e os Acivros con cargo ao Plan Único 2021, e desde o goberno municipal prevese continuar coa canalización do conxunto da parroquia con cargo a este mesmo programa provincial en 2022
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Plans, Xosé Regueira, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a deputada María Muíño, veñen de realizar unha visita ao remate das obras de ampliación da rede de abastecemento municipal a varios núcleos da parroquia de Santa Cruz, unha das intervencións que o Concello de Moeche acometeu con cargo ao Plan Único da Deputación.
A rexedora municipal, Beatriz Bascoy lembrou que precisamente a parroquia de Santa Cruz era a única que carecía de rede municipal de abastecemento de auga, polo que "esta actuación responde a unha demanda histórica da veciñanza desta área, que comezamos a facer realidade con esta primeira actuación e esperamos continuar a través do Plan Único desde 2022". Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira indicou que "esta obra responde á filosofía coa que foi creado o Plan Único, que non é outra que a de apoiar e facer posible actuacións básicas nos concellos, procurando servizos para a veciñanza de todo o territorio e, en definitiva, mellorando a súa calidade de vida e o seu día a día".
A obra, que xa está rematada, permite que os núcleos de Loureiro, a Casatellada e os Acivros conten con servizo de abastecemento de auga municipal. As novas canalizacións instaladas serán conectadas á condución xeral de Cerdido, en virtude do acordo de colaboración que asinaron ambos concellos, o de Cerdido e o de Moeche, en novembro do ano pasado. O importe desta actuación ascende a 33.463,53 euros, financiados con cargo á achega do POS+ Adicional de 2021 da Deputación da Coruña.