Estás en:Novas

Cristina García destaca en Bergondo o esforzo investidor da Deputación na localidade, que recibiu 5,8 millóns nos útimos oito anos

A deputada de Plans Provinciais visitou este luns as obras de mellora do Centro Social de Ouces 'Antonia Pato Pardo', unha actuación financiada a cargo do POS e adxudicada por uns 126.000 euros

No POS deste ano, a cantidade asignada inicialmente a Bergondo ascende a case 730.000 euros

Cristina García destaca en Bergondo o esforzo investidor da Deputación na localidade, que recibiu 5,8 millóns nos útimos oito anos

Cristina García (esq.) e Alejandra Pérez (der.), na chegada á Casa do Concello de Bergondo

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, realizou este luns unha visita ás obras de mellora do Centro Social de Ouces 'Antonia Pato Pardo', en Bergondo, unha actuación incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+2024). Na visita estivo acompañada pola alcaldesa, Alejandra Pérez, así como os concelleiros de goberno José Ramón Lorenzo Carou (PSOE) e Juan Antonio Fariña Pedreira (Alternativa), e David Carro (BNG).

Durante a visita, Cristina García puxo en valor o compromiso da Deputación da Coruña cos concellos a través do POS, destacando que «este plan provincial permite facer realidade actuacións necesarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza, apoiando aos gobernos locais no financiamento de obras que modernizan servizos e recuperan espazos de uso comunitario».

A deputada subliñou tamén a importancia o Plan Único para apoiar os Concellos e «seguir investindo en infraestruturas e equipamentos públicos cos que prestar mellores servizos á veciñanza».

Entre os anos 2017 e 2025, o Concello de Bergondo recibiu preto de 5,8 millóns de euros con cargo a este plan provincial, destinados a mellorar infraestruturas e servizos municipais. No POS deste ano, a cantidade asignada inicialmente ao municipio ascende a uns 730.000 euros.

Pola súa parte, a alcaldesa destacou que se está traballando «a moi bo ritmo» para facer un «cambio total» no edificio, de maneira que se atope en óptimas condicións para acoller as distintas actividades, tanto municipais como das entidades sociais que acolle o espazo.

Asemade, agradeceu a visita de Cristina García, lembrando que a Deputación da Coruña, a través do seu Plan Único, «é unha das maiores fontes de financiamento que podemos ter os Concellos».

Obras a realizar no centro cívico

As obras visitadas están situadas no lugar de Cangas e corresponden a un edificio construído no ano 1940, que funcionou historicamente como escola da parroquia e que será rehabilitado para mellorar as súas condicións de uso e servizo á veciñanza.

A actuación foi adxudicada por algo máis de 126.000 euros, conta cun prazo de execución de cinco meses e está a ser executada pola empresa Nature Infraestructuras. O proxecto prevé unha mellora global do edificio tanto no seu interior como no exterior, coa finalidade de incrementar os niveis de confort, eficiencia enerxética, accesibilidade e funcionalidade do inmoble.