A Deputación coordina cos servizos sociais municipais a acollida de refuxiados na provincia da Coruña
Nunha reunión celebrada esta mañá na sede provincial, técnicos e representantes políticos dos concellos da provincia, recibiron información sobre as redes e os sistemas de acollemento que existen
A Deputación invitou a ACCEM, Cruz Vermella, Ecos do Sur e Sen Valos para que explicasen as canles e as ferramentas que teñen á súa disposición as entidades ou persoas que vaian intermediar
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, ofreceu a estas entidades "o financiamento para crear unha guía de tramitación de axudas e un manual de apoio psicolóxico a refuxiados"
A Deputación da Coruña, a través do seu departamento de Servizos Sociais, reuniu hoxe na sede provincial ao persoal técnico dos servizos sociais municipais e a representantes políticos dos concellos da provincia para coordinar e canalizar a solidariedade que están tendo os cidadáns ante a situación xerada polo conflito bélico en Ucraína.
A institución provincial decidiu organizar esta reunión informativa, á que se puido asistir de xeito presencial e tamén telemático, para que os concellos coruñeses coñecesen a rede de acollemento que xa existe nestes momentos. Para iso, invitouse a participar no encontro a catro entidades: ACCEM, que en Galicia ten un convenio co Goberno Central para realizar a fase 0 do proceso de acollemento de calquera persoa refuxiada; ONG Ecos do Sur e Cruz Vermella, xa que traballan na fase 1 e 2 dese proceso de acollemento, facilitando a concesión das diferentes axudas que se ofrecen a nivel estatal para que estas persoas estean atendidas no seu destino; e Sen Valos, unha entidade que fai intermediación sociocultural e presta apoio psicolóxico, para o que están elaborando unhas guías de actuación.
No caso de Cruz Vermella, tamén aportou a súa experiencia na zona de conflito xa que o seu persoal está despregado agora mesmo en territorio ucraíno. "Entendíamos que era necesario que se coñecese de primeira man como é agora a situación alí", explica a deputada de Benestar Social, Ana Lamas.
Ademais, na reunión Ana Lamas ofreceulle a estas entidades "o financiamento total por parte da Deputación para crear tanto unha guía de tramitación de axudas en destino como outro manual de apoio psicolóxico, que se poderán entregar a calquera persoa ou entidade que vaia intermediar nun proceso de acollemento".
"Queríamos que os técnicos dos Concellos puidesen poñerse en contacto con estas entidades, coñecesen as canles e os sistemas de acollemento que xa existen porque é moi importante canalizar dun xeito correcto toda a axuda e a solidariedade que están a ter os cidadáns nestes momentos", argumenta Ana Lamas. "Ademais, isto permitirá reforzar esas redes xa existentes para que a colaboración se xestione do mellor xeito posible", afirma.
Compromiso humanitario da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña está a amosar nas últimas semanas o seu compromiso coa grave crise humanitaria que está a xerar o conflito bélico de Ucraína. Antes desta reunión o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, puxo a disposición do Goberno de España 80 prazas para acoller refuxiadas e refuxiados procedentes deste país nas instalacións da residencia estudantil do IES Rosalía Mera e noutras instalacións de titularidade provincial como o edificio 'A Milagrosa' da Coruña.
A Deputación da Coruña xa conta con experiencias previas neste eido. Na década dos 90, durante o conflito dos Balcáns, colaborou co Goberno Central nun programa de acollida de refuxiados bosnios, que permitiu que trece familias con vinte menores procedentes de Skopje se instalaran na residencia A Milagrosa da cidade herculina.