Antonio Leira destaca “o traballo conxunto das administracións” para crear a rede de fontes de auga potable no Camiño Inglés
Hoxe inaugurouse en Santiago este itinerario, o primeiro dentro dun itinerario cultural que se leva a cabo en Europa, construído no marco do programa europeo Life Water Way e cofinanciado pola Deputación
O deputado explicou que "mañá partimos para Inglaterra para ultimar onde colocamos alí unha fonte" e convidou a "levar a cabo esta iniciativa tamén noutras rutas como o Camiño Fisterra-Muxía".
O deputado de Economía, Facenda e Persoal da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou hoxe nun acto organizado na fonte de San Caetano (Santiago de Compostela) para inaugurar a rede de fontes de auga potable no Camiño Inglés.
Leira destacou na súa intervención "o traballo conxunto levado a cabo durante 6 anos por todas as administracións implicadas neste proxecto", que se executou no marco do programa europeo 'Life Water Way', promovido e coordinado polo Concello de Abegondo, cofinanciado pola Deputación da Coruña, e que contou coa colaboración de Augas de Galicia e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Esta iniciativa supuxo a creación dunha rede de 28 fontes de auga potable no Camiño Inglés, a primeira das súas características dentro dun itinerario cultural en Europa. A fonte de San Caetano marca o punto final a esta ruta, que conta con outros puntos nos seguintes municipios da provincia: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes e Oroso.
No acto, ademais de Antonio Leira, participou o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; a subdirectora da Consellería de Sanidade, Inés Mato, e de representantes do Concello de Santiago de Compostela, do equipo de seguimento do proxecto Life e da Asociación de Concellos do Camiño Inglés. O evento contou tamén coa intervención do Project manager de Life Water Way, Carlos Ameixenda, do director de S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa e de Lucía Garabato, técnica ITG.
"Estou convencido de que este vai ser un punto de inicio", expresou o deputado provincial, que explicou que "mañá partimos para Inglaterra para acabar de ultimar onde colocamos alí unha fonte coma esta" e convidou ás distintas administracións "a facer unha aposta para levar a cabo esta iniciativa tamén noutras rutas como pode ser o Camiño Fisterra-Muxía".