O Plan Único destina 98.343 euros para acondicionar e mellorar a accesibilidade no centro cultural e deportivo de Taragoña, en Rianxo
A Deputación da Coruña financia con este programa case o 95% da renovación do inmoble, no que se instalará un ascensor, se construirá unha rampla de acceso e se renovará a imaxe exterior
O Plan Único da Deputación da Coruña financiará o mantemento e mellora da accesibilidade no centro cultural e deportivo de Taragoña, no Concello de Rianxo. O ente provincial financia preto do 95% do custo total das obras (98.343 euros) cunha achega de 93.343 euros, mentres que os 5.000 euros restantes son achegados polo Consistorio.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a utilidade do Plan Único para mellorar as infraestruturas e servizos municipais, cun investimento récord de máis de 282 millóns nos últimos e 2.727 obras que melloran a calidade de vida dos municipios da provincia.
Formoso sinalou que un total de 132 centros culturais e deportivos da provincia foron mellorados desde 2017 con fondos do POS+ da Deputación da Coruña.
O inmoble obxecto da iniciativa foi construído, aproximadamente, en 1990 por unha sociedade sen ánimo de lucro na que estaban integrados veciños e veciñas da parroquia de Taragoña. O edificio permaneceu máis dunha década pechado, acollendo só pequenas actividades, e pasou recentemente a mans municipais.
Co fin de paralizar o seu estado de deterioro e ofrecer unhas instalacións máis seguras e accesibles, o Concello inclúe no Plan Único da Deputación as obras para reparar as fachadas e dotar á construción de novos elementos para mellorar a accesibilidade de todas as persoas ao inmoble.
O proxecto dotará dun ascensor e dunha rampla de acceso ao espazo, o que permitirá solucionar as dificultades de acceso universal ao edificio, adaptándoo ás necesidades da poboación.
Ademais, as obras repararán os piares exteriores situados no soportal que dá acceso ao edificio, dando resposta ao seu mal estado actual, que pode incluso chegar a comprometer a estabilidade da estrutura. No soportal tamén se realizarán tarefas de reparación dos desprendementos existentes na parte inferior do teito.
Os traballos contemplan, así mesmo, a mellora estética do lugar, coa limpeza e pintado das fachadas da edificación, exceptuando as da escola unitaria, que están en bo estado. Antes de proceder ao pintado, repararanse as gretas ou desprendementos que se poidan atopan nas paredes. Do mesmo xeito, no interior do edificio executaranse pequenas reformas resultantes da instalación do ascensor, como poden ser cambios no pavimento e de portas de acceso aos despachos 1 e 8, á cafetería e ao salón de actos. En relación á fachada sureste, que está en ladrillo visto, limparase e revestirase con morteiro hidrófugo.
As tarefas están en fase de licitación e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 31 de marzo de 2022. O prazo de execución do proxecto será de tres meses.