“Libre coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico, chega este sábado a Cedeira da man da Deputación
É outra das propostas programadas polo departamento provincial de Normalización Lingüística, que dirixe María Muíño, para difundir ao longo de todo o ano a figura e o legado de Rosalía de Castro
Teatro do Atlántico, unha das grandes compañías dramáticas de Galiza, chega este sábado a Cedeira co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña para representar a súa obra "Libre coma os paxaros". Será as 20 horas, no Auditorio Municipal.
Interpretada por María Barcala, con dramaturxia e dirección de Xúlio Lago e música de Vadim Yukhnevich, en "Libre coma os paxaros" unha muller, Rosalía de Castro, toma a palabra, proclámase posuidora da súa liberdade e declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país. Entre os temas que trata a montaxe, valéndose de versos, artigos e outros materiais da propia obra de Rosalía, están a solidariedade coas mulleres, a crítica das condicións de vida que teñen que soportar, a traxedia da emigración ou a denuncia do espolio do patrimonio forestal.
"Follas Novas", "Cantares Galegos", "La Flor", "En las orillas del Sar", "Las Literatas", "A mi madre", xunto cos prólogos, noticias da prensa do seu tempo, e datos extraídos de publicacións e documentos presentes na obra de diversas estudosas e estudosos da vida e da obra da autora, son o material que configura o espectáculo.
"Libre coma os paxaros" é unha máis das propostas programadas polo departamento que dirixe María Muíño para difundir ao longo de todo o ano a figura, a obra e o legado de Rosalía de Castro. Outras dúas iniciativas salientables son a exposición itinerante "50 anos da Casa de Rosalía", que comezará este mes un percorrido por varios concellos da provincia, e o obradoiro sobre Rosalía de Castro que a AELG realizará en 24 centros de ensino coruñeses da man da Deputación.