Estás en:Novas

A Deputación inicia o programa de actividades para poñer en valor o legado de Francisco Tettamancy

As áreas de Patrimonio e de Normalización Lingüística promoven unha serie de iniciativas encamiñadas a poñer en valor a figura e a obra do intelectual coruñés

A Deputación inicia o programa de actividades para poñer en valor o legado de Francisco Tettamancy

"Francisco Tettamancy foi un dos grandes da nosa historia e pensamos que como tal ten que ser lembrado" aseguraba esta mañá a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, na homenaxe institucional coa que a Deputación inicia unha serie de actividades dedicadas a este intelectual. A homenaxe estivo encabezada, ademais da deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, polo deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e pola bisneta de Francisco Tettamancy Gastón, Charo Varela.

"Para a familia esta homenaxe ten unha importancia non cuantificable" aseguraba Charo Varela durante a súa intervención. A bisneta de Tettamancy explicou que ela mesma comezou hai anos a estudar a vida da súa familia e, neste sentido, salientou que "percorreu a historia do século XIX do dereito e do revés", así como "o inmenso amor que tiña pola Coruña". Convén lembrar que a Deputación homenaxea a figura de Francisco Tettamancy tras cumprirse 175 anos da revolta galeguista de 1846, un dos fitos históricos sobre os que este intelectual coruñés ten varios traballos editados. Entre a súa produción literaria poden mencionarse o poema 'Abril 1846' e os libros 'Los mártires de Carral' e 'La revolución gallega de 1846', obras dedicadas ao levantamento, de carácter galeguista e progresista, do coronel Solís -contra o entón presidente Ramón María Narváez- e que rematou coa execución dos militares sublevados en Carral, e que historicamente se coñecen como os 'Mártires de Carral'.

Precisamente a deputada María Muíño lembrou que o monumento aos Mártires de Carral fora impulsado por iniciativa da Liga Gallega, da que formaba o propio Francisco Tettamancy, e fixo mención á actual reivindicación para que o monumento, obra do arquitecto Juan Álvarez Mendoza, sexa declarado Ben de Interese Cultural a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas. No acto desta mañá estaba presente a propia deputada Mercedes Queixas, así como membros de colectivos que traballan a prol da recuperación da memoria de Galiza, como a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Cultural Suárez Picallo, o colectivo Abril de Lume e Ferro, e os portavoces dos grupos provinciais en representación da corporación. María Muíño desculpou a ausencia do alcalde de Carral que non puido estar presente por mor do Pleno municipal que se celebraba esta mañá no seu concello.

Pola súa banda, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas asegurou que a homenaxe á figura de Francisco Tettamancy é "necesaria, merecida e sempre insuficiente para compensar tantos anos de silencio en torno a unha figura clave e esencial da historia recente do noso país". Xosé Lois Penas lembrou que ao longo deste ano 2022, a Deputación da Coruña completará o programa de actividades dedicadas a Tettamancy coa edición dun pequeno vídeo sobre a sua vida, obra e contexto histórico, e co deseño dunha unidade didáctica para facilitar que o profesorado poida traballar nas aulas a historia galega relacionada coa revolta de 1846. Tamén se organizará un concurso de murais dirixido a alumnado de secundaria a vida, obra e contexto histórico de Francisco Tettamancy, e a publicación da súa obra 'A revolución galega de 1846' traducida ao galego.

Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854 – 1921) foi un destacado intelectual coruñés que ademais de escritor, foi membro fundador da Real Academia Galega. Tamén foi traballador da Deputación da Coruña e membro correspondente da Real Academia das Belas Artes de San Fernando. Ademais dos seus traballos sobre a revolución galega de 1846, participou na xuntanza constituínte das Irmandades da Fala, e no seu legado tamén se conta obra poética e numerosos estudos históricos sobre druidismo, celtismo e diversos elementos patrimoniais como a Torre de Hércules ou as Torres de Altamira de Brión.