Estás en:Novas

Mostra bibliográfica: «Francisco Tettamancy: o Rexionalismo a través dos seus ollos»

Mostra bibliográfica: «Francisco Tettamancy: o Rexionalismo a través dos seus ollos»

Veñen de cumprirse os cen anos do falecemento de Tettamancy e, algo máis de 175 anos da Revolta galega de 1846. Coincidindo no tempo coas actividades que, na cidade herculina, se están por levar a cabo para homenaxear e por en valor a figura e obra deste autor, é de xustiza que esta biblioteca aporte o seu gran e se sume ás mesmas a través dunha mostra bibliográfica que aborde os diferentes eidos nos que este coruñés destacou.

Pola nosa parte, ademáis, temos uns especiais lazos co protagonista: pois exerceu de administrativo na Deputación Provincial da Coruña antes de converterse en profesor mercantil; o tan coñecido parladoiro rexionalista da Cova Céltica, da que formaba parte, celebrábase nesta rúa Rego de auga, ao carón da nosa Biblioteca. Alí partillaba co que foi, alén de moitas outras cousas, Arquiveiro e Bibliotecario desta institución: Manuel Murguía.

Esta mostra, tal como se desenvolve máis abaixo, pretende guiarnos, a través de diversos materiais bibliográficos, dende a aparición do rexionalismo (como movemento socio político e cultural, evolución do anterior provincialismo), e deixarnos xusto as portas doutra nova etapa na evolución do galeguismo representada por unha nova xeración de autores e correntes: a Xeración Nós.

Ao longo deste proceso Tettamancy e os seus compañeiros de fatigas serán o fío condutor arredor do cal teceremos o camiño argumental que a mostra pretende transitar, para explicar dun xeito visual, e agardamos que ameno, o que acontece en Galicia entre o último cuarto do século XIX e o primeiro do XX.

Para completar a análise da figura de Tettamancy farense unhas pequenas achegas sobre a súa vida e obra, así como un par de excursos sobre o rexionalismo e a Revolución de 1846 nos que se desenvolven máis polo miúdo algunhas cuestións claves para entender a obra do autor e tamén para poñer en valor a trascendencia posterior que o seu legado motivou.

Captura 3.JPG

Podes visitar a mostra no vestíbulo da Biblioteca, de balde en horario de apertura (de luns a venres de 8:30 a 20:30 h e sábados de 9:00 a 14:00 h).

Accede aquí á guía de lectura da mostra:

Francisco-Tettamancy-Gaston-O-Rexionalismo-a-traves-dos-seus-ollos