A Deputación financia 386.823 horas de axuda no fogar e contrata a 177 profesionais do eido social nos concellos
Formoso destaca que a Deputación financia este ano 100.000 horas máis de axuda no fogar, "un servizo esencial para a atención de maiores e dependentes"
O programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse de 4 a 8,3 millóns de euros durante o mandato de Valentín González Formoso
Financia tamén a contratación de 177 profesionais do eido social, que atenden cada día a miles de cidadáns en situación vulnerable nos concellos da provincia
A Deputación da Coruña afianza a súa aposta polos servizos sociais e reforza os programas de protección ás persoas nos municipios coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros que permitirá financiar 386.823 horas de axuda no fogar e contratar a 177 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Así o anunciou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que a Deputación financia hoxe 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar que hai dous anos. "Trátase dun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes, que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia", sostivo.
"Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar os programas de protección social dos municipios da provincia", afirmou o presidente provincial, que destacou o gran esforzo que teñen que facer os pequenos concellos para poder contar cun cadro de persoal de profesionais especialistas no eido social. "Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", incidiu.
Formoso destacou o incremento de traballo que supuxo a crise da covid-19, coa que "moitos municipios tiveron que asumir maior carga" e agradeceu o traballo que desempeñan "os profesionais deste eido, que buscan solucións diarias e sen os que as persoas máis vulnerables non poderían desenvolver o seu día a día".
Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, subliñou a necesidade de "estar coa xente que máis o necesita, ofrecéndolle as mellores prestacións posibles para mellorar a súa calidade de vida, independentemente do lugar onde residan".
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión do programa de servizos sociais comunitarios 2022, ao que concorreron todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no domicilio.
O orzamento dedicado ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse durante o mandato de Valentín González Formoso dos 4 aos máis de 8,3 millóns deste 2022.
A institución provincial financia 386.823 horas de axuda a domicilio
O orzamento dedicado a este importante programa permitirá reforzar os servizos de axuda no fogar dos municipios, cuxa demanda se incrementou por mor da pandemia da covid-19. A Deputación financiará este ano 386.823 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.
A cifra supón un incremento de case 100.000 horas con respecto ás 290.000 horas financiadas pola Deputación en 2020 e de 15.000 horas en relación ás 370.000 do pasado ano.
En 2022, a Deputación financiará 70.033 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.873 nos do Barbanza, 79.802 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 102.605 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 82.509 nos de Santiago.
O programa financia a contratación de 177 profesionais do eido social
O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 177 profesionais do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.
CONSULTA AQUÍ A DISTRIBUCIÓN DO PLAN DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS POR CONCELLOS E COMARCAS