Estás en:Novas

A Deputación organiza unha gran Gala de entrega de Premios Culturais 2020 e 2021

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, apunta que "posiblemente sexa o maior encontro cultural do ano e do país", posto que reunirá a máis de 30 persoas premiadas e ao redor de 150 persoas que participaron directamente no desenvolvemento dos premios entre xurados, comisariados e comisións lectoras

A Gala terá lugar o sábado 23 de abril no Teatro Colón da Coruña ás 19:00 horas. A asistencia é de balde e aberta ao público en xeral, pero para asistir é necesario retirar os convites a través da páxina web do Teatro Colón a partir do venres 1 de abril

A Deputación organiza unha gran Gala de entrega de Premios Culturais 2020 e 2021

O escenario do Teatro Colón acolleu esta mañá a presentación de Gala de Premios culturais da Deputación correspondentes aos exercicios 2020 e 2021, que subirá precisamente a ese mesmo escenario a 31 persoas premiadas e reunirá no propio teatro a preto de 150 persoas que participaron de xeito directo no desenvolvemento destes premios, entre xurados, comisariados e comisións lectoras.

A Gala terá lugar o sábado 23 de abril ás 19h e en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto, "suporá posiblemente o maior encontro cultural do ano e do país". Na presentación participaron, ademais de Xurxo Couto, as actrices que conducirán o evento, Carmen Méndez e Lidia Veiga, que tamén se referiron á singularidade da Gala indicando "que non se parece a ningunha outra que se teña celebrado antes, porque xunta a persoas de disciplinas moi diversas e de diferentes ámbitos culturais". A Gala tamén contempla as actuacións do contador Celso F. Sanmartín e da formación musical Son Trío, composta polas músicas Su Garrido Pombo (voz) Katerina Linke (piano), e Susana Blanco (cello). Todas as persoas premiadas recibirán unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.

Xurxo Couto explicou que o seu departamento leva desenvolvendo un importante labor de apoio á creación artística a través da convocatoria anual de todo un amplo repertorio de premios e certames e que estas convocatorias sempre se complementaron cun acto público de entrega dos premios concedidos cada ano, co obxecto de poñer en valor as obras gañadoras e homenaxear as persoas que as crearon. Mais nos exercicios 2020 e 2021 non puideron celebrarse estes actos públicos por cuestións relacionadas coa situación sanitaria derivada da Covid polo que se deseñou un evento que "será unha celebración colectiva do papel crucial que a Cultura tivo durante estes dous anos de crise pandémica, da luz que a Cultura dá á sociedade, e un recoñecemento a creadores, creadoras e ao sector cultural no seu conxunto" asegurou o deputado.

Carmen Méndez, pola súa banda, puxo en valor a diversidade de disciplinas que conforman o abano de convocatorias que inclúen 5 premios literarios – o Torrente Ballester de narrativa, o González Garcés de poesía, o Dieste para textos teatrais, o Rañiña Lupa de LIX e o Manuel Murguía de ensaio-, 5 premios de artes visuais – o Ksado de creación fotográfica, o Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, o Jesús Núñez de artes gráficas, o Antón Fraguas de artesanía e o Castelao de banda deseñada-, 3 premios de música – o Narf para artistas e grupos musicais, o Andrés Gaos de composición musical e o Quero Cantar para bandas infantís e xuvenís-, e 2 premios para a acción cultural- o Rosalía de Castro de dinamización da lingua e o Begoña Caamaño para a igualdade de xénero-.

Tamén indicou que "aínda que a maioría das persoas premiadas son galegas ou viven aquí, tamén virán persoas de fóra de Galicia que dan conta do nivel e do prestixio que os premios da Deputación teñen fóra das nosas fronteiras". Concretamente nestas dúas edicións os premios que gañaron persoas de fóra de Galiza foron o Premio Andrés Gaos de composición musical, o Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua castelá, o Premio Jesús Núñez de arte gráfica, e o Premio Luis Ksado de creación fotográfica.

Lidia Veiga, pola súa parte, referiuse ao perfil das persoas que participaron en tarefas de xurados, comisariados e comisións lectoras salientando a diversidade de disciplinas, desde poetas, dramaturgos e dramaturgas, escritores e escritoras de narrativa, xornalistas, críticos especializados en música, fotógrafos, artistas plásticas, teóricas da arte, ou curadores e curadoras. Ademais aproveitou para falar da escultura que se entregará nesta edición e que xoga cos elementos representativos da obra de Soledad Penalta: metal curvado e siluetas humanas. "Neste caso, trátase dun 'c' realizado en aceiro que representa o 'c' de Cultura e o 'c' de Coruña, e que está suxeitado na base por siluetas que para min representan á xente que sostén e que eleva a cultura deste país" indicou Lidia Veiga.