Estás en:Novas

DOA volve aos escenarios da man do ciclo ‘Pioneirxs da Música Galega’

A cita terá lugar este sábado, 9 de abril, no Teatro Colón. As entradas, de balde, están dispoñibles na web do teatro

O concerto estará dedicado a Xaquín Blanco, membro fundador do grupo xa falecido, e xuntará sobre o escenario a Miro Casabella, Xoán Piñón e Bernardo Martínez, que contarán con Eduardo Coma como músico convidado para volver interpretar 'O son da estrela escura', o primeiro disco editado, en 1979, pola primeira discográfica galega, Ruada

DOA volve aos escenarios da man do ciclo ‘Pioneirxs da Música Galega’

O Teatro Colón da Coruña ofrece de novo este sábado o seu escenario para acoller outra cita, a terceira, do ciclo Pioneirxs da Música Galega, organizado polo departamento de Cultura da Deputación. DOA volverá interpretar en directo as cancións de 'O son da estrela escura', o primeiro disco editado, en 1979, pola primeira discográfica galega, Ruada. O concerto comezará ás 20 horas e a entrada, de balde, pódese retirar na web do teatro.

Eduardo Coma será o intérprete convidado que acompañará a tres dos músicos da formación orixinal de DOA, Miro Casabella, Xoán Piñón e Bernardo Martínez, nun recital dedicado a Xaquín Blanco, membro fundador do grupo, xa falecido.

O público terá ocasión de gozar de cancións que marcaron a historia recente da música en galega mesmo se escoitaron en Nova York ou Montreal. 'O son da estrela escura' é folk, música popular, mesmo cantigas medievais e romances franceses: sons de raíces adaptados sen ortodoxia aos novos xeitos de facer música na Galiza de finais da década de 1970.

Tras o exitoso paso de Pilocha e do propio Casabella polo Colón nas dúas primeiras citas de Pioneirxs da Música Galega, o ciclo complétase esta fin de semana "co obxectivo cumprido, estamos seguros, de dar a coñecer a públicos actuais os traballos discográficos dun momento clave para a cultura galega, pero tamén de homenaxear e poñer en valor o traballo de toda aquela xeración artística de finais da década de 1970", en palabras do responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto.