ASPACE, Nuestra Señora de Chamorro e UTACA, galardoadas no I Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación
Formoso recoñece o traballo dos profesionais do eido social "para construír unha sociedade mellor" e destaca "a transformación dunha institución bicentenaria como a Deputación nun actor protagonista para o tecido social da provincia"
O presidente salienta que nos últimos dous anos o Goberno provincial realizou "a maior aposta social da historia da Deputación"
O acto celebrado hoxe en Expocoruña serviu para recoñecer o traballo e o labor das tres entidades, que roldan ou superan os 50 anos de experiencia
A Deputación da Coruña celebrou hoxe en Expocoruña o seu I Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, que se estrea recoñecendo o traballo e o labor que realizan neste eido tres entidades: ASPACE, Nuestra Señora de Chamorro e UTACA.
O acto, no que estiveron presentes centos de profesionais do eido sociosanitario da provincia, serviu para poñer en valor a función e o servizo que dan á cidadanía estas tres entidades premiadas, que roldan ou superan os 50 anos de experiencia.
O presidente da Deputación, que agarda que "estes premios se convertan nunha referencia nos vindeiros anos" agradeceu o "compromiso permanente coa inclusión social e laboral" que amosan ASPACE, Nuestra Señora de Chamorro e UTACA e os seus traballadores e traballadoras capaces de "ofrecer novas oportunidades e mellorar a vida de persoas en situacións especialmente vulnerables e das súas familias".
Un recoñecemento que fixo extensible a todas as traballadoras e traballadores das entidades sociais da provincia que "contribúen a construír unha sociedade mellor, facilitando a autonomía, o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades das persoas e mellorando a calidade de vida de moitas familias a través de diferentes proxectos e servizos nos que é un orgullo poder colaborar desde a Deputación da Coruña", destacou.
No seu discurso, Formoso salientou a transformación "dunha institución bicentenaria como a Deputación, que durante anos se caracterizaba case exclusivamente por dar apoio ás obras nos concellos, nun actor protagonista para o tecido social da provincia".
A maior aposta social da historia da Deputación
"Apostamos por facer do ámbito social un dos noso eixes fundamentais de actuación", afirmou, alegando que este compromiso "non só se plasma en palabras, senón en feitos" e aludindo a que "nos dous últimos anos fixemos a maior aposta social da historia da Deputación, incrementando a partida orzamentaria destinada a esta área nun 137%". "Isto permitiunos, por exemplo, apoiar a actividade de 216 entidades sociais da provincia, contratar a 177 profesionais dos servizos sociais nos concellos, reforzar o noso apoio á Rede de Casas de Acollida, financiar 386.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, destinar 21 millóns de euros para o Plan Único Social, incrementar o servizo de Teleasistencia ou crear o noso primeiro Plan de Acción de Servizos Sociais", indicou.
"Porque se as políticas de emprego e reactivación económica da Deputación as facemos coa cabeza, as políticas sociais facémolas co corazón. Co mesmo compromiso e o mesmo nivel de implicación pero tamén poñendo o mellor que levamos dentro e sendo conscientes de que non só hai que impulsar a reactivación económica senón que é imprescindible que esta sexa xusta, que protexa os máis vulnerables e que non deixe a ninguén atrás", afirmou Formoso.
Por último, o presidente lembrou que "son moitas as melloras que acadamos nestes últimos anos en materia social, pero son moitas máis as que nos quedan por conquistar" e subliñou que "o noso deber, xa non só como administración pública, senón como sociedade, é remar nunha mesma dirección sen esquecernos de ninguén". "Isto sería certamente imposible sen vós, moitas grazas", confesou dirixíndose ás tres entidades premiadas.
Medio século ao servizo da sociedade coruñesa
Tanto ASPACE, fundada no ano 1977, como Nuestra Señora de Chamorro, que naceu en 1964, e UTACA, que ten a súa orixe en 1970, contan cunha traxectoria ás súas costas de medio século ao servizo dos coruñeses e as coruñesas, cada unha en distintas pólas do eido social.
A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña (ASPACE Coruña), é unha asociación sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública que foi creada por un grupo de nais e pais que decidiron unirse ante a inexistencia de recursos públicos ou privados para os seus fillos/as. Ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e discapacidades psicofísicas, ofrecéndolles todos os apoios que necesiten para que poidan ter unha vida o máis plena e feliz posible. É a única entidade especializada en parálise cerebral da provincia e é un referente tanto en Galicia como no eido nacional na atención a este colectivo, con múltiples recoñecementos. Vén de recibir unha axuda da Deputación para o seu proxecto 'Talentos inclusivos', unha iniciativa a través da que as persoas con parálise cerebral presentan as súas dificultades de accesibilidade e comunicación a estudantes de secundaria para que podan deseñar, coas súas achegas e validacións, solucións tecnolóxicas que lles faciliten a súa autonomía e participación no día a día.
A Asociación Nuestra Señora de Chamorro é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, fundada por pais e nais de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (PCDID), como resposta á carencia de Centros de Atención Específica para este colectivo na comarca de Ferrolterra. Divídese en tres centros: Centro de Día, Centro Ocupacional e Centro de Educación Especial. Os tres teñen como finalidade atender a PCDID e as súas familias, contribuíndo á mellora do seu desenvolvemento social, persoal e laboral, proporcionando os apoios necesarios. Recibiu unha subvención provincial para o Proxecto FADAS (Formación e Atención ao Desenvolvemento Afectivo Sexual), que foi punteiro na atención a persoas con discapacidade intelectual en Galicia e foi utilizado pola Federación PLENA INCLUSIÓN GALICIA para promover que outras asociacións se involucrasen na atención á sexualidade das PCDID.
Por último, a Unidade de Tratamento do Alcohol e Condutas Aditivas (UTACA), integrada funcionalmente no SERGAS, é unidade de referencia para a atención a persoas con problemas derivados das adiccións legais na área sanitaria da Coruña. A través do seu equipo de profesionais socio-sanitarios/as, cunha ampla experiencia en adiccións, ofrecen unha intervención biopsicosocial, integral, comprometida e honesta sobre as problemáticas asociadas ás drogas legais e ás condutas aditivas sen substancia. O proxecto subvencionado pola Deputación, Hixía, ten o obxectivo de desenvolver un protocolo de intervención con perspectiva de xénero destinado ás mulleres con consumos problemáticos de alcohol e/ou Síndrome de Dependencia Alcohólica (SDA).